Xabier P. do Campo, Paco, foi un dos meus mestres

Ao longo da vida un ten moitos profesores, pero ao final escollemos quen foron os nosos mestres.

Xabier P. do Campo, Paco, foi un dos meus mestres.

 

Xabier_P._DoCampo_(imagen de Galipedia.com)
Xabier P. DoCampo (imagen de Galipedia.com)

Cando eu tiña doce anos, ao pouco da morte do ditador e coa sociedade do momento coma un fervedoiro, chegaron a Malpica un grupo de profesores, “galeguistas”, na terminoloxía do momento e revolucionan a docencia. Rapaces e rapazas tivemos a ocasión de ser os protagonistas de novas formas de ensino. A revolucionaria presenza do idioma propio era o cerne, mais tamén o ensino con entregas de fichas de elaboración dos mestres coa “multicopista”, hoxe un arcaísmo na tecnoloxía e no dicionario. A banda deseñada como método para ensinarnos a historia; lembro unha moi simpática sobre a revolución francesa. Os métodos de estudo, os exercicios de concentración e memorización. A memorización non era un problema se aplicabamos as técnicas de Paco. Podería reproducir hoxe unha lista das cousas que escribiamos no encerado para facer as probas.

Ou a valorización do coñecemento do noso entorno. A ver, onde está o norte? O mapa estaba pendurado na parede, e todos, “arriba”. “O norte non está arriba”, saíde á rúa e mirade arriba, o norte non está alí. Para saber onde está o norte hai que tirar o mapa no chan. E Paco tiraba o mapa no chan, poñía a brúxula enriba e chamaba por todos para poñernos arredor, había que apartar as mesas da fila de adiante para caber todos arredor do mapa, e todos quedabamos sorprendidos de ver que as beiras do papel non cadraban paralelas coas paredes da aula.

Cando Paco encargou como tarefa facer unha lista de nomes de paxaros, pasou o mesmo que cando pediu unha lista de plantas, ou das ferramentas para traballar a terra, pasou que os de Mens ben que nos foderon aos de Malpica, e os de Beo, e os de Cerqueda, eles sabíano todo e os pescos a velas vir, iamos perdendo por moito, pero máis adiante recuperamos cando Paco pediu listas de peixes, e listas de aparellos de pesca, e tantas outras cousas. El fartábase de rir véndonos competir co aprendido dos pais, das nais, dos avós e das avoas, vendo como o asunto funcionaba, como a rapazada aquela que viña de estudar o curso anterior os afluentes pola marxe dereita dos ríos españoles da conca mediterránea, recitando a lista de memoria e sen saber pintala no mapa, aquela rapazada ía tomando conciencia do que lle rodeaba, do local ao universal.

Lembro a revolución que se armou cando Paco nos deu leccións de arte románica e nos encargou comprobar a presenza de románico nas nosas parroquias. Aló fomos todos coas libretas á saída da misa dun día da semana para invadir a igrexa e recorrer os recunchos. Tamén lembro a contrariedade do de Don Benino vendo a igrexa chea de rapazada que nunca ía á misa, coas libretas e os bolígrafos, facendo debuxos dos capiteis e dos arcos de medio punto e preguntándolle por cada detalle. O cura informounos de que na igrexa de Malpica pouco quedaba de románico porque a igrexa anterior fora derrubada para facer a actual, máis grande, e que só se aproveitaran, o campanario, a cúpula que agora tiña a sancristía e a porta lateral. Cando chegamos ao día seguinte á escola, os de Mens volta a arrasar, eles tiñan igrexa románica, do século XII, e por se fora pouco, aquela lenda de que un túnel comunicaba coas Torres, e Paco vai e fálanos de que o castelo de Mens formou parte da historia da revolta irmandiña. Cando cheguei a casa e lle conto a miña nai que en Mens houbera unha revolución, moito discutimos eu e máis ela. Si ho, que o dixo Paco, que é mestre de historia. Como ía haber unha revolución en Mens, revolución foi a que houbo en Francia, esa si, pero en Mens, que ía haber. Vai a xunta de túa avoa a ver se sabe algo, eu nunca tal oín. Pois houbera, e moito antes que en Francia. Miña nai nunca tal escoitara e miña avoa tampouco, pero eu sóubeno porque mo ensinou Paco, e os de Mens tamén, e máis os compañeiros todos.

Lembro ver a Paco unha vez enfadado, moi enfadado. Foi cando nun exame, “control”, na nova linguaxe pedagóxica, colleu a unha compañeira intentando coller a libreta ás agachadas para copiar. Tocounos outra lección sobre que estabamos facendo un exercicio de auto avaliación. Eramos nós os que estabamos comprobando o que sabiamos, o que aprenderamos no tempo de traballo na aula e na casa, e non nos podiamos enganar a nós mesmos.

Hai pouco tiven ocasión de falar con el con repouso, nun café, con motivo dunha proposta que lle faciamos desde Culleredo para facer un pase da película que acababa de presentar e para a que tiña moitos proxectos didácticos. Tiña claro que a poría a disposición dos centros de ensino público. Nesa conversa falei dalgunha das lembranzas que comentei aquí. Riu coas historias e el achegou outras máis sobre a súa vida en Malpica naqueles anos da súa xuventude. Lembraba cando viviu nas vivendas dos mestres, na Cerca, que estaban mesmo enriba do mar e como bruaba nas noites de inverno e como se notaba o movemento do aire na cociña do apartamento coma se estiveras fora.

Sinto a túa morte, MESTRE, pero alégrome moito de ter cadrado contigo na vida.