Acampa pola paz e o dereito a refuxio
Aberto o prazo para candidaturas ao IV Recoñecemento Internacional Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos
A Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio iniciou o prazo de recepción de candidaturas para a cuarta edición dos Recoñecementos Internacionais Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos. A convocatoria está aberta até o 15 de febreiro e insta a particulares e organizacións a presentar propostas tanto para a categoría internacional como para a local, centrada no ámbito galego.
O movemento Acampa pola Paz busca recoñecer e destacar as figuras ou organizacións comprometidas coa defensa dos Dereitos Humanos, o Dereito a Refuxio e a promoción da Paz e do Diálogo como instrumentos para resolver conflitos. Este recoñecemento pretende chamar a atención sobre o retroceso dos Dereitos Humanos a nivel mundial e a necesidade de protexelos e defendelos.
O proceso de presentación de candidaturas é sinxelo. Organizacións adscritas á Rede Acampa Internacional, individuos rexistrados como asociados e equipos de coordinación locais de Acampa Internacional poden presentar as súas propostas. Basta con enviar un resumo breve dos motivos da proposta, acompañado da fotografía do candidato ou logotipo da organización e unha breve biografía ou memoria dos mesmos ao correo electrónico [email protected].
O prazo de presentación de candidaturas remata o 15 de febreiro, despois do cal abrirase un período de votación. As persoas asociadas e as organizacións da Rede Acampa poderán participar na votación entre o 1 e o 31 de marzo. O Recoñecemento Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos 2024 será entregado no marco do VIII Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio, previsto para xuño na Coruña.