Xenocidio en Gaza
Amnistía Internacional convoca unha manifestación na Coruña pola paz en Gaza
O punto de encontro será o emblemático Obelisco, ás 18:30 horas, onde se dará voz á indignación coa música do artista local Xosé Taboada e a súa banda Bule Bule. Ademais, contaremos coa participación do representante de Médicos do Mundo, Felipe Noya, quen subliñará as devastadoras consecuencias que estes ataques están a ter no sistema de saúde de Gaza.
O acto tamén será o momento para a lectura dun manifesto titulado "Ante o drama humanitario en Gaza, reclamamos o alto ao fogo inmediato", asinado por Amnistía Internacional e outras oito ONGs galegas. Neste documento, esixe unha pausa sostida no conflito para permitir a chegada de axuda humanitaria á Franxa e insta á comunidade internacional a non permanecer indiferente diante das violacións dos dereitos humanos.
As organizacións que apoian esta iniciativa son AGARESO, AIRE, Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, Fundación Educo, Médicos do Mundo, Miradas al Mundo, Movimento pola Paz e RSF - Reporteiros sen Fronteiras.
É un chamamento á solidariedade e á acción concreta para poñer fin á violencia e garantir un futuro de paz e dignidade para o pobo palestino. Non podemos permanecer alleos ao sufrimento e ás violacións dos dereitos humanos. Unamo-nos nesta causa xusta e urxente.
Manifesto
Ante o drama humanitario que se está a vivir na Franxa
de Gaza e o resto de Territorios Palestinos Ocupados,
reclamamos o alto ao fogo inmediato
A Coruña, 21 de marzo do 2024.
As seguintes organizacións asinamos este manifesto: AGARESO – Asociación Galega
de Comunicación para o Cambio Social, AIRE – Asociación Integral de Rescate en
Emergencias, Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, Fundación
Educo, Médicos del Mundo, Miradas al Mundo, Movimiento por la Paz, RSF -
Reporteros sin Fronteras e AIG - Amnistía Internacional Galicia.
O 7 de outubro do 2023 comezou unha escalada de violencia sen precedentes en Israel
e Territorios Palestinos Ocupados. Tras os ataques levados a cabo por Hamás, que se
saldaron coa vida de máis de 1.200 israelís e a toma de reféns, Israel está cometendo
na súa resposta en Gaza unha das maiores atrocidades que teñamos visto xamais.
Israel causou a morte de máis de 30.000 persoas ata o momento, sendo case a
metade nenos e nenas, ademais dun espantoso número de feridos. Os ataques
sobre o norte da Franxa de Gaza, illada de feito do resto de Gaza, provocaron o
desprazamento forzoso de máis de 2 millóns de palestinos, dunha poboación total
de 2,2 millóns. Aínda sen ter en conta que que forzar aos residentes a abandonar os
seus fogares pode ser constitutivo de crime de guerra, a extensión da Franxa e a súa
densidade de poboación fan que non haxa refuxio seguro en Gaza fronte aos
bombardeos indiscriminados de Israel. A poboación gazatí non pode fuxir a ningures.
A situación humanitaria en Gaza é hoxe terrible. Bloqueada ilegalmente por Israel dende
2007, e ocupada ilegalmente dende 1967, a Franxa foi definida como inhabitable
pola ONU, cuxo Secretario Xeral a chegou a definir como o inferno na terra e o
cárcere a ceo aberto máis grande do mundo. A esta situación engádeselle que, nos
últimos meses, Israel cortou subministracións básicas, incluíndo internet e electricidade,
o que deixou aos hospitais ao bordo do colapso ou directamente inutilizados. Iso no
mellor dos casos, xa que no peor os hospitais e os seus arredores son bombardeados.
O limitado goteo de subministracións que chegan a Gaza fano, principalmente, a través
do paso fronteirizo de Rafah, na fronteira con Exipto. Existen outros puntos de acceso
e pasos fronteirizos. Israel pechou algúns deles despois do 7 de outubro, outros
permanecen pechados dende hai anos. Israel exerce un control estrito sobre todo o que
entra e sae de Gaza como parte do seu bloqueo ilegal, incluídas persoas e mercadorías.
Unha resolución do Consello de Seguridade da ONU aprobada en decembro do
2023 esixe que as partes permitan o uso de todas as rutas dispoñibles para
garantir que a asistencia vital chega á poboación civil. A pesar desta resolución
xuridicamente vinculante, Israel negouse a abrir máis pasos fronteirizos. Ben ao
contrario, a inminente ameaza dun asalto terrestre a gran escala contra Rafah, onde
actualmente se refuxian máis de 1,2 millóns de persoas, tería consecuencias
devastadoras para a situación humanitaria.
O pasado 26 de xaneiro, a Corte Internacional de Xustiza ordenou a adopción de
medidas inmediatas e efectivas para protexer á poboación palestina na Franxa de
Gaza do risco de xenocidio asegurando a suficiente asistencia humanitaria e
permitindo servizos básicos. Nunha mostra inequívoca de desprezo a esta sentenza,
Israel segue a incumprir a súa obriga de garantir a chegada en medida suficiente
duns bens e servizos que poden salvar vidas. A magnitude e gravidade da catástrofe
humanitaria causada polos incesantes bombardeos, a destrución e o asfixiante asedio
poñen a máis de dous millóns de persoas palestinas en risco de sufrir danos
irreparables.
Antes do 7 de outubro entraban cada día en Gaza unha media de 500 camións que
transportaban axuda e artigos comerciais, como alimentos, auga ou subministracións
médicas. Se ben esta cantidade era insuficiente para satisfacer as necesidades da
poboación, nas últimas semanas o número de camións diminuíu drasticamente e os
lanzamentos aéreos non poden proporcionar os volumes de axuda que se transportan
por terra.
A magnitude e gravidade da catástrofe humanitaria causada polos incesantes
bombardeos, a destrución e o asfixiante asedio poñen a máis de dous millóns de
persoas palestinas en risco de sufrir danos irreparables. As familias levan meses
bebendo auga contaminada e pasan días sen comer. O sistema de saúde afundiuse por
completo no medio de brotes de enfermidade e lesións graves causadas polos
bombardeos. A mediados de febreiro, organismos humanitarios informaron dun
alarmante incremento da desnutrición aguda entre a poboación e, recentemente,
polo menos 20 nenos e nenas morreron por desnutrición severa, deshidratación
e enfermidades relacionadas con elas. A poboación da Franxa leva meses
sobrevivindo cunha fame que acada o nivel de crise, na proporción máis grande de
poboación en situación de crise de seguridade alimentaria xamais rexistrada pola
Clasificación Integrada das Fases da Seguridade Alimentaria (CIF). A ONU xa advertiu
de que a situación de gran fame é inminente.
Tamén é imprescindible que se poña fin aos ataques ilexítimos, incluídos os ataques
indiscriminados, os ataques directos contra persoas e bens civís e os ataques
desproporcionados, entre eles os dirixidos a medios de comunicación e xornalistas.
Israel debe permitir de inmediato a entrega sen trabas de axuda humanitaria á
poboación civil da Franxa de Gaza ocupada, levantar o bloqueo ilegal que exerce sobre
Gaza dende hai 16 anos e liberar a todas as persoas palestinas que están detidas
arbitrariamente ou en situación de desaparición forzosa, como os xornalistas Nidal al
Waheidi e Haitham Abdelwahed.
A maior parte das democracias occidentais e as principais institucións europeas
manteñen que Israel ten o dereito e o deber de defender a súa seguridade en
cumprimento co Dereito Internacional Humanitario. Pero ao facelo, están obviando que
Israel, como potencia ocupante, atópase vencellada polo IV Convenio de Xenebra,
que lle obriga a protexer á poboación palestina dos territorios que militarmente
ocupa. Israel leva décadas incumprindo esa obriga, ademais de vulnerar o Dereito
Internacional Humanitario, o Dereito Internacional dos Dereitos Humanos, e o
ordenamento xurídico internacional en xeral, ocupando militar e ilegalmente os
territorios palestinos como parte dun crime máis amplo de lesa humanidade de
Apartheid.
Ante o desastre humanitario sen precedentes en Gaza, dende Amnistía Internacional
reclamamos un alto ao fogo sostido e prolongado de todas as partes,
indispensable para que as axencias de axuda humanitaria poidan facer chegar a
axuda suficiente á Franxa e a distribúan de forma segura e sen condicións. O alto
ao fogo tamén é a maneira máis eficaz de protexer á poboación civil mentres as partes
belixerantes seguen cometendo violacións graves dos dereitos humanos.
Non podemos esquecer que esta crise ten lugar no contexto da ocupación militar máis
prolongada do mundo e do sistema de Apartheid de Israel sobre a poboación palestina.
A protección que ofrece o cese das hostilidades nesta situación é necesaria e urxente.
Tamén é imprescindible que se poña fin aos ataques ilexítimos, incluídos os ataques
indiscriminados, os ataques directos contra persoas e bens civís e os ataques
desproporcionados.
Israel debe permitir de inmediato a entrega sen trabas de axuda humanitaria á
poboación civil da Franxa de Gaza ocupada, levantar o bloqueo ilegal que exerce sobre
Gaza dende hai 16 anos e liberar a todas as persoas palestinas que están detidas
arbitrariamente.
Hamás e todos os demais grupos armados deben pór en liberdade inmediata e
incondicional a todos os reféns civís e tratar con humanidade a quen permanece en
cativerio até que se lles poña en liberdade.
A comunidade internacional non pode mirar cara outro lado. É imprescindible que
se impoña un embargo integral de armas a todas as partes no conflito, tendo en
conta que se están a cometer graves violacións dos dereitos humanos que
constitúen crimes do dereito internacional.
A sentenza da Corte Internacional de Xustiza debe ser cumprida e instamos a
todos os Gobernos a actuar para prever o xenocidio, e a apoiar inequívoca e
incondicionalmente todos os mecanismos de rendición de contas existentes a nivel
internacional.
Tamén lle pedimos aos Gobernos que garantan a financiación adecuada á Axencia
da ONU para a Poboación Refuxiada Palestina (UNRWA). A UNRWA é dende hai
tempo a única táboa de salvación para a poboación refuxiada palestina en Gaza e
noutros lugares de Oriente Medio, proporcionando axuda humanitaria, refuxio e
educación.
Os Estados teñen a responsabilidade legal e moral de protexer á poboación civil, impedir
os crimes de guerra e facer cumprir o dereito internacional. Por iso instamos a todos os
Estados a que teñan en conta que a súa inacción ou a continuidade do seu apoio,
ademais de agravar a traxedia, tamén os implica nela. Pedímoslles que fagan todo o
que estea na súa man para evitar novas ofensivas militares e conseguir un alto ao fogo
permanente e integral en Gaza.
Asinan,
- AGARESO – Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social
- AIRE – Asociación Integral de Rescate en Emergencias
- Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento
- Fundación Educo
- Médicos del Mundo
- Miradas al Mundo
- Movimiento por la Paz
- RSF - Reporteros sin Fronteras
- AIG - Amnistía Internacional Galicia