Palestina
Ana Miranda súmase á campaña #JusticeForGaza, que reclama investigar e xulgar a Netanyahu por xenocidio
Bruxelas, 14 de novembro de 2023.- A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, únese á campaña internacional #JusticeForGaza que demanda levar á Fiscalía da Corte Penal Internacional (CPI) a diversos integrantes do goberno de Israel, comezando polo seu presidente, Benjamin Netanyahu. Así, esta iniciativa pide investigar e xulgar ao goberno de Israel -como o ministro de Defensa e ao ministro de Seguridade, entre outros- polos crimes e o castigo colectivo contra a poboación civil cometidos en Gaza desde o pasado 7 de outubro e desenvólvese no marco da investigación que a Corte Penal Internacional xa ten aberta contra Israel por crimes de guerra en Cisxordania e Gaza.
Ana Miranda destaca a importancia desta campaña #JusticeForGaza e sinala: “Fronte a determinadas instancias europeas, que ignoran a masacre e están tendo unha posición vergoñenta, outras persoas de moitos lugares estamos facendo presión para deter esta catástrofe e para que se tomen medidas contundentes contra Israel”. Esta iniciativa únese ás diversas accións que a eurodeputada nacionalista ten desenvolvido en defensa do pobo palestino no Parlamento Europeo.
Apoio á UNRWA
A eurodeputada do Bloque fai un chamamento á solidariedade coa UNRWA, a Axencia da ONU para as persoas refuxiadas en Palestina, para que poidan seguir prestando axuda aos gazatís en condicións de seguridade. Ana Miranda recalca: “Os nenos non son un obxectivo, as escolas non son un obxectivo, os hospitais non son un obxectivo, os traballadores humanitarios e os xornalistas non son un obxectivo”.
Doutra banda, no Parlamento Europeo, Ana Miranda ten reclamado en reiteradas ocasións o cese ao lume inmediato en Gaza e a apertura de corredores humanitarios para subministros básicos, así como o estrito cumprimento das normas do dereito internacional humanitario e das resolucións das Nacións Unidas dirixidas a respectar o dereito á autodeterminación do pobo palestino. A eurodeputada destaca: “Non podemos mirar cara a outro lado ante a limpeza étnica que Israel está a levar a cabo en Gaza”.
Na sesión plenaria do pasado 18 de outubro, Ana Miranda pediu a dimisión da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, debido á súa inaceptable posición partidista en defensa das accións de Israel e á falta de mediación e neutralidade para lograr a paz en Palestina.