Xenocidio
Ana Miranda viaxa ao paso de Rafah para denunciar o xenocidio do Pobo palestino e reclamar un alto ao fogo inmediato
Bruxelas, 23 de febreiro de 2024- A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Miranda, emprenderá unha intensa axenda de dous días xunto a eurodeputados de diferentes grupos parlamentares para denunciar a situación no paso fronteirizo de Rafah, que separa Exipto e a Franxa de Gaza. O obxectivo é visibilizar o sufrimento do pobo palestino e esixir un alto ao fogo inmediato diante das atrocidades cometidas polo exército israelí.
Miranda, quen tamén é parte da Delegación de Palestina e da Delegación de Israel do Parlamento Europeo, subliña as catastróficas cifras de máis de 30.000 persoas asasinadas, 70.000 feridas e a destrución de 360.000 vivendas e infraestruturas civís en Gaza. Ademais, amosa o seu rexeitamento ás accións de Israel contra a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) e critica o veto dos Estados Unidos a resolucións da ONU para un alto ao fogo.
A eurodeputada galega centrará a súa visita na zona fronteiriza de Rafah e do aeroporto de Al Arish, onde os convois humanitarios son obstaculizados por Israel. Miranda denuncia a restrición do paso de camións que dificulta o achegamento de alimentos e medicamentos á poboación de Gaza. Durante a visita, manterá reunións con representantes da UNRWA, organizacións de asistencia humanitaria e o Centro Palestino de Dereitos Humanos.
Un ano da deportación
Este mércores, 21 de febreiro, cumpriuse un ano da deportación de Ana Miranda do aeroporto de Tel Aviv por parte de Israel cando se dirixía en misión oficial da Eurocámara a Palestina. O BNG presentou unha pregunta ao Alto representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, sobre as accións para garantir o acceso de eurodeputados a Palestina e respecto pola inmunidade diplomática.
O Bloque Nacionalista Galego continúa a denunciar o xenocidio en Gaza e solicita medidas contundentes contra Israel. A través de diversas accións e iniciativas, como esta visita á zona fronteiriza de Gaza, o BNG busca concienciar e promover accións internacionais para poñer fin á violencia contra o Pobo palestino.