Mundo sen Guerras e sen Violencia | nota de prensa
Cara á 3ª Marcha Mundial pola Paz e a Nonviolencia
A Coruña, 22 de marzo de 2023.- Mundo Sen Guerras e Sen Violencia organiza o vindeiro venres 24 de marzo ás 18:30 horas na Casa Museo Casares Quiroga a charla coloquio Cara a III Marcha Mundial pola Paz e a Nonviolencia.
A presentación correrá a cargo de Rafael de la Rubia, coordinador da Marcha Mundial e actual coordinador do Equipo Mundial do Mundo Sen Guerras e Sen Violencia. Presentará o esquema da terceira marcha que partirá de Costa Rica o 2 de outubro de 2024.
A primeira Marcha Mundial pola Paz e a Nonviolencia tivo lugar en 2009-2010 e a segunda en 2019-2020.
Tamén presentará a edición do Libro da Segunda Marcha que recompila as actividades realizadas polo equipo itinerante que percorreu o mundo e polos equipos promotores de cada país e vila participantes na Marcha.
Durante o acto exporanse algunhas pezas pictóricas realizadas por TallerdePolo en apoio á concentración contra a guerra celebrada o 3 de marzo no Obelisco.
Nestes momentos de convulsión nos que o norte parece estar perdido á hora de resolver os conflitos internacionais, é máis importante que nunca a expresión dos pobos que queren a paz mentres os seus gobernantes os arrastran á guerra.
Construamos a paz!