Ecoloxistas en Acción | nota de prensa
Nace o ‘Encontro Galego contra o Cumio da OTAN’
Xurde o ‘Encontro Galego contra o Cumio da OTAN’ como unha iniciativa popular para amosar a repulsa do pobo galego á esta organización militar.
Chaman a construír un movemento unitario, popular e aberto de rexeitamento ao Cumio da OTAN que se celebrará en Madrid o 29 e 30 de xuño.
Afirman que a falla de soberanía do noso país convérteo en cómplice pasivo da escalada imperialista.
Esta mañá deuse a coñecer en Compostela o ‘Encontro Galego contra o Cumio da OTAN’, conformado por persoas da sociedade civil así como por diversas organizacións antiimperialistas. Teñen como obxectivo desenvolver unha campaña de mobilización social contra o Cumio que a OTAN celebrará en Madrid os vindeiros 29 e 30 de xuño.
Afirman que nos atopamos nunha “conxuntura internacional de ofensiva imperialista”, que fai máis necesario ca nunca recuperar o espírito dos Comités Anti-OTAN dos anos 80. “A OTAN é unha organización criminal xurdida da lóxica de acumulación do capital”. O Encontro pretende levar a cabo accións unitarias e amplas, principalmente nas rúas, que amosen o rexeitamento do noso pobo a que o pretendido “goberno máis progresista” do Estado Español acolla a cimeira dunha organización que ataca a soberanía dos pobos do mundo e que, xunto aos EEUU e á Unión Europea, expande a base de actos de guerra e terroristas os intereses do modelo imperante.
Denuncian tamén o papel servil do goberno actual, que utiliza instalacións portuarias e aéreas da maquinaria militar española na Galiza para poñelas ao servizo do terrorismo imperialista. “A carencia de soberanía do noso país converte o noso pobo en cómplice pasivo dunha escalada imperialista que só favorece os intereses do complexo militar-industrial norteamericano”. Exemplo disto é a actual guerra de Ucraína, sobre a que esixen a retirada de todas as tropas enviadas á zona e o cese da venta de armamento.
O Encontro constituíuse formalmente o 1 de abril, tras unha rolda de contactos iniciada a comezos deste ano. Con carácter democrático e aberto, fan un chamamento a que outras organizacións e persoas do movemento popular e da esquerda transformadora se unan na denuncia combativa e firme das alianzas militares da OTAN e a UE.