Urbanismo
Acampada diante da Autoridade Portuaria contra a especulación
Activistas da Comisión de Defensa do Común acamparán esta fin de semana diante da Autoridade Portuaria da Coruña en protesta pola especulación deste organismo cos terreos da Solana e os peiraos. Ampliación co programa da acampada.
Despois dunha reunión e da recollida de fondos para costear a acampada onte na Casares Quiroga, a Comisión de Defensa do Común anunciou que a protesta empezará o venres pola tarde e rematará o sábado ás 14.00 horas.
A Comisión, que o 7 de maio organizará una manifestación na cidade esixindo a devolución gratuíta da Solana e Hotel Finisterre, todos os peiraos, o cárcere e terreos do Campo da Estrada, comeza deste xeito a xeira de mobilizacións na rúa despois da intensa actividade institucional que congregou en apoio as súas demandas a case un cento de entidades e colectivos da cidade e foi quen de sacar adiante una moción no Concello, o pasado 6 de marzo para impulsar unha consulta popular respecto da devolución dos terreos.
Programa da Acampada
Venres, 21 de abril
19 horas. Inauguración oficial da acampada e actuación do grupo de música tradicional da Asociación de Veciños do Agra do Orzán. Entre outras cancións, haberá unha dedicada ao ministro de Fomento.
20 horas. Recital de poemas polo colectivo literario In Nave Civitas
20.30 horas. Actuación dun grupo de pandereteiras
Sábado, 22 de abril
11 horas. Mesa de recollida de sinaturas
12 horas. Roteiro explicativo desde a Autoridade Portuaria até o castelo de San Antón, dirixido polo arquitecto Xosé Lois Martínez Suárez, da Área de Urbanística e Ordenación do Territorio da UDC, para recuperar a memoria histórica desa zona
13 horas. Actuación musical do grupo formado por Xosé Taboada, Paco Campos e José Luis Yepes
13.30 Acto de clausura.
14 horas. Levantamento da acampada