Marea Atlántica | nota de prensa

Acordo para o impulso dos orzamentos de 2022

Coa vontade compartida de que o Concello da Coruña se dote de novo duns orzamentos decididamente expansivos e enfocados nos desafíos máis importantes que encara a cidade, o goberno local (PSdeG-PSOE) e o grupo municipal da Marea Atlántica chegan ao ACORDO que a seguir se detalla.
Acordo para o impulso dos orzamentos de 2022
María García e Inés Rey
María García e Inés Rey

Recupérase así o marco de cooperación entre ambas forzas políticas, decisivo para a gobernabilidade da cidade, conformando unha maioría progresista suficiente para que estas contas entren en vigor a maior brevidade posible. 

Os orzamentos acordados para ano 2022, orientados a construción dunha cidade para as persoas, socialmente xusta, sostible e cunha maior igualdade de oportunidades, ascenderán a uns 309 millóns de euros, un 19% máis que o ano pasado, cun incremento do gasto social do 12,3% e un total de 57 millóns dedicados ao investimento. 

De común acordo, establécense como prioridades para o presente exercicio a dinamización económica; as políticas de mobilidade sostible; a protección do dereito á vivenda; a posta en marcha de medidas innovadoras na loita contra o cambio climático, promovendo a transición ecolóxica; a ampliación das políticas sociais e dos coidados, con especial atención á saúde mental, a dependencia e o ensino de 0 a 3 anos; a promoción da igualdade e a diversidade; e a aposta polos nosos barrios. 

Apostamos por unha política económica que promova unha recuperación socialmente máis xusta, xerando dinamismo e facilitando o investimento en todos os barrios da cidade, favorecendo o equilibrio territorial. 

A Coruña debe seguir a liderar o gasto social, e para iso se incrementará a aposta polos servizos, poñendo no centro da acción política a vida cotiá das persoas e as familias, coñecedores da necesidade de axuda para quen máis o precisa e impulsando políticas públicas destinadas a favorecer a integración social. 

No ámbito da mobilidade sostible apostamos por incrementar as peonalizacións e humanización nas rúas e prazas da cidade, estendendo a ronda peonil e favorecendo os espazos de convivencia interxeracional. 

As contas que se someterán a debate e aprobación no Pleno da Corporación nos primeiros días do vindeiro mes de marzo incluirán, de acordo coas condicións que se relacionan na última parte deste acordo, as seguintes medidas: 

BARRIOS 

Porase en marcha o programa "Mover os Baixos”, dotado con 3 millóns de euros, para a dinamización dos locais comerciais en desuso con tres liñas de traballo: adquisición de inmobles para convertelos en equipamentos públicos e comunitarios de proximidade, creación dunha bolsa de aluguer asequible e axudas para a implantación de actividades de interese social nos barrios. 

Impulsarase o novo barrio de Xuxán con diferentes actuacións, comezando polas obras de urbanización, que suporán un investimento superior aos 10 millóns de euros. Tamén se promoverá vivenda pública neste barrio coa construción dun edificio de 50 vivendas de protección (2,8 millóns de euros). 

Coa idea de dotar de servizos e espazos de convivencia este barrio tamén se contempla a redacción do proxecto para un espazo interxeracional onde poida se poidan combinar un centro de día para maiores e unha escola infantil municipal (150.000 euros). De igual xeito, apóstase por dotar o barrio dunha pista deportiva polivalente que complemente outros espazos dedicados ao deporte que xa temos na cidade. 

Renovarase o alumeado público de todos os barrios da cidade cun proxecto financiado polo Goberno de España que ascende a 12,6 millóns de euros, dos cales serán investidos 7 millóns xa neste ano. As contas incluirán tamén os créditos precisos para iniciar as obras no mercado de Santa Lucía (100.000 euros), abordar a reurbanización da Falperra, as instalacións provisionais de Monte Alto e a reparación da zona de mercado dos Mallos. Dotarase con 50.000 euros, así mesmo, un estudo sobre a desigualdade de acceso a infraestruturas sociais nos diferentes barrios. 

Tamén se investirán na Cidade Vella uns 3 millóns de euros na restauración da Casa da Veduría, dos cales 853.000 euros estarán incluidos nestes orzamentos. Dotaranse de mobiliario as Naves do Metrosidero (100.000 euros) e o centro xuvenil de Catro Camiños (53.000 euros), acometerase a peonalización da rúa Emilia Pardo Bazán e farase a humanización da Praza da Palloza. Reurbanizaranse así mesmo as rúas Comercio, Vila de Cee, Santander e Puente. 

Abordaranse tamén investimentos en proxectos ambientais nos Rosales e o Barrio das Flores, onde se fará un proxecto ambiental (80.000 euros) e unha área canina (50.000 euros). Igualmente, investiranse 60.000 euros na humanización da Avenida de Hércules e 35.000 na plantación de árbores na Rúa da Torre. Na Agra do Orzán farase un proxecto de axardinamento nas zonas verdes (150.000 euros) e abordarase tamén a humanización da Avenida de Arteixo no cruzamento coa Rolda de Nelle a través dos contratos de mantemento municipal. 

En Palavea abordarase a reforma exterior da escola infantil (90.000 euros) e no Birloque o equipamento do centro veciñal (40.000 euros). En Pedralonga abordarase o cambio de pavemento por caucho na área infantil. Tamén se abordarán proxectos de recuperación do río Quintas (180.000 euros) en Santa Xema. Executaranse tamén actuacións na Zapateira (Rúas Marsella, Amberes, Salzburgo e Roma, entre outras) para mellorar os servizos básicos desta zona cun investimento de 400.000 euros. 

Redactarase o proxecto dunha nova biblioteca en Novo Mesoiro (80.000 euros) e ampliarase a biblioteca da Sagrada Familia (360.000 euros), barrio no que tamén se ampliará o parque infantil San Jaime. 

Por último, executarase a ampliación de capital de EMVSA necesaria para a apertura do complexo deportivo do Castrillón e recuperarase o programa de intervención comunitaria Educación en Rúa (50.000 euros), nomeadamente en barrios como Labañou, Os Mallos, Sagrada Familia, Agra do Orzán, Novo Mesoiro ou Monte Alto. 

POLÍTICA SOCIAL, SAÚDE MENTAL E COIDADOS 

O Concello da Coruña dotarase do seu primeiro Plan Municipal de Saúde Mental a través do Consello Local da Saúde, que contará cunha asistencia técnica de 50.000 euros para a súa elaboración, e creará un servizo específico mediante un convenio do mesmo importe co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Para dotar os equipos de atención social de profesionais deste campo crearase un programa temporal de contratación de persoal e dotarase debidamente a oferta pública de emprego. Tamén se reanudará a atención na Unidade de Saúde Mental Infantoxuvenil e se incluirá nos centros cívicos unha programación dotada con 20.000 euros e orientada a combater a ansiedade, a angustia, a depresión e outros trastornos acelerados coa pandemia. 

Destinaranse 250.000 euros a posta en marcha dun pioneiro programa de axudas ás persoas coidadoras, que disporán ademais dun novo servizo municipal ao seu dispor mediante un convenio de 50.000 euros coa Fundación Mujeres. Así mesmo, marcha unha campaña de sensibilización (30.000 euros) en torno ao recoñeceme corresponsabilidade neste labor tan esencial como invisibilizado. Por último, crearase nos centros cívicos municipais espazos de aprendizaxe, convivencia e coidado para persoas maiores con enfoque interxeracional dotado con 50.000 euros. 

O orzamento tamén suporá unha aposta decidida pola mellora do Servizo de Axuda a Domicilio (SAD), ao incrementar en 2,5 millóns de euros a súa dotación, millóns de euros a un montante de 8,5 millóns de euros que permitirá a licitación do novo contrato e a mellora do servizo de axuda a dependentes, así como a dignificación salarial das traballadoras deste servizo que levan anos en condicións moi precarias. 

Incrementaranse as bolsas comedor destinadas ás familias con menos recursos cunha suba dun 20% na súa dotación, ao tempo que se manteñen programas como o bonotaxi (156.000 euros) ou o talón restaurante (650.000 euros). A partida destinada ao programa de canguraxe medrará máis dun 30% (315.000 euros) coa idea dunha cidade que favorece a conciliación da vida laboral e familiar. 

De igual xeito, potenciaranse todos os servizos sociais municipais co incremento do persoal dos equipos de atención social e a mellora dos procesos cun programa de axilización administrativa de transformación dixital e atención presencial. Crearase tamén, por último, un novo programa, "Goza do tempo de lecer", pensado para a poboación de maior idade, favorecendo o seu dinamismo e as súas oportunidades. 

A dotación da Renda Social Municipal medrará en 200.000 euros e implementaranse puntos de atención para salvar a fenda dixital das persoas en situación de vulnerabilidade. Incrementaranse en 700.000 euros os convenios coas entidades sociais, potenciando a cooperación coas entidades do terceiro sector para as políticas de emerxencia e inclusión social. 

MOCIDADE 

O proxecto de adecuación interna e equipamento das Naves de Metrosidero executarase este ano para proceder á apertura do complexo. As persoas menores de 35 anos tamén recibirán especial atención nas medidas de protección do dereito á vivenda e desenvolverase unha política de prezos públicos que facilite o seu acceso á programación cultural do Concello. 

IGUALDADE E DIVERSIDADE 

Realizaranse accións de apoio e visibilización do colectivo LGTBQI+ na cidade e nos equipamentos municipais (75.000 euros), como a instalación dunha placa pola (...) e e a non violencia no lugar onde asasinaron a Samuel Luiz Muñoz na madrugada do 2 de xullo de 2021, e un estudo sobre a situación deste colectivo (40.000 euros). Impulsaranse tamén neste marco, ademais dun programa de formación para o persoal municipal, un certame cultural e un programa educativo pola diversidade e a non violencia con Ibrahima Diack e Magatte Ndiyae. 

Elaborarase o IV Plan de Igualdade do Concello da Coruña, para o que se reservarán 30.000 euros, e incrementaranse as previsións para reforzar o persoal do Centro de Información á Muller (CIM). As axudas destinadas á prevención da violencia de xénero, a promoción dunha sociedade diversa, a aposta na educación para a cidadanía global e o estímulo da colaboración co tecido asociativo feminista incrementaranse en 50.000 euros e visibilizaranse os servizos e recursos municipais neste ámbito cunha campaña de información e difusión dotada con 25.000 euros e reforzaranse os programas educativos de prevención de violencias machistas no Coruña Educa (60.000 euros). 

Por último, porase en marcha un programa piloto de apoio para a inclusión e a vida independente de persoas con diversidade funcional, denominado Milllenium Sen Barreiras e dotado con 100.000 euros. 

CAMBIO CLIMÁTICO E ENERXÍA 

Estando xa en elaboración o mapa das enerxías renovables a través de Emalcsa, os orzamentos municipais impulsan a posta en marcha da futura empresa municipal de enerxía, incluindo a dotación precisa (31.500 euros) para o apoio xurídico-técnico da comisión asociada. A nova Oficina da Enerxía tamén contará con fondos (22.000 euros) para a súa apertura e co persoal necesario para atendela, con cargo a un proxecto con financiamento europeo. 

Destinaranse 250.000 euros a implementación dun proxecto piloto de xeración de enerxía renovable pública no espazo público e incluirase un programa específico na oferta formativa, con 30.000 euros, dirixido ao sector da eficiencia enerxética. Por último, reservaranse 180.000 euros para a restauración dos ríos de Quintas e Feáns e 100.000 euros para a planificación do Parque Cidade a recuperación do río Monelos. No eido dos residuos, resérvase crédito para estudar a implantación dun sistema de pago por xeración que deseñe incentivos fiscais á colaboración cidadá na separación do lixo

Con este orzamento tamén se mellorará o contrato de xardíns e parques que estaba dotado anteriormente con 5,4 millóns de euros anuais, pasando agora a 7,5 millóns de euros, pensando en mellorar os pulmóns verdes da cidade, mellorando as prestacións 

Apóstase por dotar de máis zonas verdes a cidade favorecendo os espazos urbanos de esparcemento e convivencia interxeneracional. 

MOBILIDADE E RONDA PEONIL 

Os orzamentos recollerán tamén unha serie de proxectos clave para avanzar unha cidade de futuro, sostible e onde a mobilidade se faga pensando nas persoas. Investiranse 4 millóns de euros na peonalización de rúas e na mellora da accesibilidade e 5 millóns na implantación das Zonas de Baixas Emisións, un dos proxectos financiados cos fondos Next Generation. 

Renovarase a aposta polo carril bici con proxectos de remodelación, creación e mellora (1,5 millóns) e incrementarase o parque de bicicletas eléctricas para o servizo BiciCoruña e aparcabicis seguros (450.000 euros). 

Tamén se realizará un estudo técnico e económico sobre a renovación da concesión ou eventual remunicipalización do servizo de transporte público urbano dotado con 40.000 euros. Outros 50.000 euros irán dirixidos á actualización do estudo sobre a mobilidade local e metropolitana realizada no pasado mandato. 

DEREITO Á VIVENDA 

Dedicaranse máis de 9 millóns de euros ás políticas de vivenda, en cumprimento do acordo asinado por ambas partes a finais de 2021. Máis de 2 millóns irán dirixidos á adquisición de edificios, soares e inmobles para ampliar o parque municipal cun triplo obxectivo: dispoñer de maiores recursos para afrontar situacións de emerxencia; contribuír á mobilización da vivenda baleira ou en mal estado; e intervir o mercado de aluguer poñendo a disposición da cidadanía dunha maior oferta de carácter social, con singular acento nas necesidades das persoas menores de 35 anos e maiores de 65 anos. 

A bolsa de aluguer verá incrementados os seus recursos nun 30% e será obxecto dunha revisión para que chegue ás persoas que, malia a non estaren en situación de extrema vulnerabilidade, teñen dificultades de acceso á vivenda. Outros 3,6 millóns dirixiranse á mobilización de solo municipal para a construción de vivenda pública en réxime de aluguer, na liña dos proxectos que se desenvolven dende o pasado mandato na rúa Marqués de Pontejos e no barrio de Xuxán. Os fondos para a rehabilitación de vivenda medrarán un 20% e a empresa municipal de vivenda, EMVSA, recibirá unha transferencia extraordinaria de 830.000 euros para a ampliación do seu capital social. 

ECONOMÍA E EMPREGO 

O programa Coruña Dixital, de apoio ás start-ups no campo das TIC, recibirá 50.000 euros. Outros 300.000 euros dedicaranse á ampliación do Centro Accede Papagaio, co fin de habilitar o soto xemelgo como viveiro de empresas TIC e salón de usos múltiples. Ademais, destinaranse 300.000 euros a un paquete de axudas para persoas autónomas e contratación de personal en pemes e micropemes. 

ENSINO DE 0 A 3 ANOS E REFORZO EDUCATIVO 

O orzamento destinado ás escolas infantís municipais, gratuítas grazas a un acordo adoptado ao comezo deste mandato pola Marea Atlántica e o PSdeG, incrementarase nun 15% para mellorar as condicións das súas traballadoras e os seus traballadores. Dotarase con 100.000 euros un programa de reforzo educativo ante o fracaso escolar poscovid. 

CULTURA 

O gasto cultural incrementarase con respecto ao ano anterior. O Bono Cultura do Presco terá continuidade este ano cunha dotación de 300.000 euros. Incluiranse nas contas 30.000 euros para dar soporte á creación do Consello Municipal de Cultura e a elaboración dun plan director. Daráselle continuidade ás Bolsas de Creación e Investigación Cultural cun orzamento de 180.000 euros e porase en marcha un novo programa de residencias artísticas en equipamentos municipais. Por último, contrataranse as obras de reparación da sede da Fundación Seoane, para o que se consignarán 600.000 euros. 

APROBACIÓN E EXECUCIÓN DESTE ACORDO 

As medidas incluídas neste acordo serán incluídas e debidamente singularizadas no documento orzamentario que se someta a aprobación polo Pleno. Ambas as dúas partes darán o seu visto bo ao expediente completo, incluindo todos os seus anexos, antes de que se traslade á Xunta de Goberno Local para ser tramitado como proxecto. A memoria da Alcaldía darán conta tamén deste documento e o seu contido. 

O goberno local (PSdeG-PSOE) e o grupo municipal da Marea Atlántica convocarán ao resto da Corporación para escoitar as súas propostas orzamentarias, que valorarán de mutuo acordo. Idéntico procedemento se seguirá nos trámites de emendas e alegacións. 

Ambas as dúas partes comprométense a cooperar no desenvolvemento e a execución destes acordos e a comunicar de mutuo acordo calquera avance que se produza. 

A alcaldesa e a portavoz da Marea Atlántica reuniranse unha vez ao trimestre para avaliar a implementación destes acordos. Unha comisión designada por ambas partes fará o seguimento da execución de forma trimestral. 

Na Coruña, a 25 de febreiro de 2022 

  • Inés Rey García, Alcaldesa da Coruña 
  • María García Gómez, Voceira da Marea Atlántica

Acordo para o impulso dos orzamentos de 2022