Dillo Ti
O alcalde avanza no ‘Dillo ti’ as próximas actuacións para mellorar a accesibilidade peonil en Monte Alto
O grupo de Goberno participou este sábado no centro cívico do barrio nun novo encontro coa veciñanza, onde tamén se deu conta das intervencións xa realizadas nesta zona da cidade, por valor de máis de 2,5 millóns de euros
A Coruña, 10 de novembro de 2018.- O alcalde, Xulio Ferreiro, e o resto do equipo de goberno participou este sábado nun novo encontro ‘Dillo Ti’ coa veciñanza de Monte Alto, no segundo destes actos de conversa coa cidadanía que se celebra neste barrio. Desde entón, e como expuxo o rexedor, o Concello iniciou o proxecto coñecido como Camiño do Vixía para a mellora da accesibilidade, “unha columna vertebral cómoda para o tránsito peonil e o paseo”, e que incluíu actuacións como a reurbanización e humanización do primeiro tramo da rúa da Torre ou a peonalización dunha fase da rúa Marola, “que serviu para gañar espazo para o barrio”. Como adiantou, nos próximos meses o proxecto seguirá avanzando con obras de mellora na parte superior da rúa da Torre, tanto na praza da parada de taxis como o treito ata o cruce entre a avenida de Hércules, o Campo de Marte e Verea do Polvorín, ou coa segunda fase da mellora da rúa Marola, que servirá para conectar de forma máis accesible os equipamentos e centros educativos da zona.
Como sinalou o alcalde, as intervencións vinculadas ao Camiño do Vixía son só unha parte das realizadas en Monte Alto, onde o Concello leva realizado actuacións por un importe duns 2,5 millóns de euros, e que inclúen iniciativas como as hortas do parque Carlos Casares, “un proxecto socioeducativo onde se traballa con moita xente e colectivos realmente bonito”, ou obras de urbanización en rúas como renovación do pavimento, coa mellora do paso de peóns, da avenida de Navarra, as melloras de accesibilidade en Veramar ou a reurbanización da rúa Disciplina.
Están previstas igualmente intervencións nas rúas San Fernando, San Xosé e Atocha Alta. Tamén aludiu Ferreiro á remodelación da praza de Monte Alto, “o gran proxecto da zona”, para o que o Concello está rematando o proxecto e que se desenvolverá no vindeiro ano. A este respecto, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, indicou que está proxectada unha urbanización completa, que se executará por fases e na que se abordará en primeiro lugar a construción dunha nova escola infantil, que contará con patio, máis espazo e unha zona máis soleada. Ademais, apuntou que o proxecto permitirá unha mellor conexión entre o mercado e a rúa, “abrindo o equipamento, e introducindo o mercado no espazo público e o espazo público no mercado”, incorporará tres locais multiusos para usos sociais e ampliará o espazo público dispoñible. Varela avanzou tamén que está previsto para o próximo ano un proxecto de iluminación para o barrio cun orzamento previsto de 227.000 euros.
Ademais, nas próximas semanas comezarán intervencións no ámbito dos Museos Científicos, como a mellora da escalinata da Domus e os traballos para asegurar o talude, que conta cun investimento previsto próximo aos 90.000 euros, ou no aparcadoiro da Casa dos Peixes, para a súa integración co Paseo Marítimo e acondicionamento, unha obra de 104.000 euros. Tamén están previstas, como indicou Ferreiro, melloras importantes no cemiterio de San Amaro, onde a Concellería de Medio Ambiente ten previstas unha serie de actuacións para a súa conservación e posta en valor, e que inclúen desde a demolición da sala de recepción, que carece de valor histórico, e traslado desta función á antiga sala de autopsias --cun orzamento de 415.000 euros--, a demolición dos 300 nichos ilegais que están adosados no exterior do muro leste do cemiterio e recuperación dos muros de pedra do recinto, co acondicionamento do entorno e a creación dunha zona axardinada ou a restauración das cubertas de San Amaro, unha intervención conta con financiamento de 590.000 euros, dos que 370.000 pertencen a fondos Eidus. Tamén está previsto, en San Amaro, a mellora do acceso dende a rúa Rafael Baixeiras.
Na súa intervención, o alcalde tamén deu conta doutras actuacións municipais que afectan ao barrio, como a recente ampliación das conexións do bus urbano co Materno Infantil, unha demanda histórica da veciñanza de Monte Alto, ou o proceso participativo desenvolvido no colexio Sanjurjo de Carricarte, que vén de recibir un galardón de Unicef, e do que a concelleira de Xustiza Social --e responsable da área de Educación--, Silvia Cameán, declarouse “moi orgullosa”, por ser unha iniciativa que partir do alumnado do propio centro e desenvolvido con toda a comunidade escolar. Neste colexio, a edil avanzou que de forma urxente se acometerán os traballos demandados polos pais e nais no valado para solventar as deficiencias e mellorar a seguridade.
Durante o encontro, veciñas e veciños abordaron cuestións relativas ás necesidades da escola infantil de Monte Alto, as dificultades de aparcamento arredor do centro de saúde ou a mellora do Campo de Marte. Neste punto, a concelleira de Medio Ambiente, María García, avanzou que o Concello estuda unha reforma profunda, previa á cal se acometerán, no vindeiro ano, actuacións de mantemento tanto no pavimento como no arborado.
No encontro participou boa parte do Goberno local, ao que o edil de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, incorporouse tras acompañar aos traballadores de Alcoa no acto reivindicativo contra o peche da planta celebrado no entorno da Torre de Hércules.