Educación

O alcalde propón á Xunta distintas opcións para garantir a construción de dúas novas escolas infantís na cidade

Xulio Ferreiro tratou coa conselleira de Política Social, nunha reunión que mantivo esta mañá, as fórmulas para levar a cabo este incremento de prazas e que se realizaría a través da cesión de competencias á administración local ou a colaboración entre institucións

O rexedor e a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, reivindicaron tamén a autonomía financeira municipal para asumir a eliminación do copagamento no servizo de axuda a domicilio, tal e como propón o goberno local

O alcalde propón á Xunta distintas opcións para garantir a construción de dúas novas escolas infantís na cidade
16-04-19 Alcalde - Política Social
16-04-19 Alcalde - Política Social

A Coruña, 16 de abril de 2019.- O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mantivo esta mañá unha xuntanza de traballo coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para avanzar na ampliación do número de prazas de Educación Infantil na cidade a través da construción de dúas novas escolas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. No encontro, o rexedor trasladou as diversas fórmulas de colaboración posibles para a construción destes espazos como poden ser a cesión das competencias necesarias por parte da Xunta ao Concello, ou ben a cooperación conxunta entre ambas institucións, de xeito que o goberno local podería achegar os terreos municipais precisos para que a administración autonómica acometa as obras necesarias. “Tratouse dunha reunión frutífera na que houbo receptividade e na que se acordou iniciar unha vía de diálogo a nivel técnico. Penso que quedou clara a disposición de traballo por ambas partes para poder levar adiante a construción de dúas infraestruturas moi necesarias, dada a demanda existente de prazas para alumnado de 0 a 3 anos na cidade”, opinou o primeiro edil, que estivo acompañado na xuntanza pola concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán.

Noutra orde de asuntos, o alcalde e a concelleira tamén trasladaron durante a xuntanza á dirixente autonómica os pasos que está a levar a cabo o Concello da Coruña para posibilitar a eliminación do copagamento no servizo de atención a domicilio para todos os tramos de renda. “Defendemos a eliminación total deste recargo que sofren, en moitos casos, as familias que tiveron que soportar con máis forza as consecuencias da crise e, en base a isto estamos a actuar. Pensamos, ademais, que o Concello da Coruña, no exercicio das súas competencias e da súa autonomía financeira, debería poder regular libremente as taxas que os e as usuarias pagan por este servizo de forma que o goberno local poida asumir de forma total ou, ao menos, parcialmente, este pagamento”, explicou ao remate da xuntanza, na que a comitiva municipal trasladou á conselleira de Política Social o razoamento xurídico do concello coruñés neste tema. “Temos tamén total disposición explorar vías de colaboración coas que clarificar, se existisen dúbidas, este marco legal e competencial”, engadiu. Igual que no caso das escolas infantís, Concello e Xunta acordaron “continuar traballando nas próximas semanas a nivel técnico para poder sacar adiante ambas cuestións”, segundo salientou o primeiro edil ao remate do encontro.

O alcalde propón á Xunta distintas opcións para garantir a construción de dúas novas escolas infantís na cidade