Eleccións municipais | BNG
“O barrio das Flores precisa dunha rehabilitación para mellorar a habitabilidade”
Jorquera comprométese a impulsar un Plan integral para un barrio con graves deficiencias de accesibilidade e que necesita atención para conservar o pulmón verde. “E son actuacións que non teñen un custe moi elevado”
A Coruña, 18 de marzo.- “No 2016, por iniciativa do BNG, o Concello acordou impulsar unha Área de Rehabilitación Integral para o barrio das Flores. De momento, non se fixo nada; e os problemas do barrio seguen e son evidentes para calquera que dea un simple paseo por estas rúas”, dixo Francisco Jorquera, o candidato do BNG á Alcaldía, despois dunha visita ao barrio das Flores, acompañado por militantes e veciñas.
As Flores foi un barrio innovador, deseñado por arquitectos modernistas nos anos sesenta do século pasado, no que se levantaron 2.000 vivendas e amplas zonas axardinadas. Mais o barrio non evolucionou segundo as necesidades da poboación e hoxe é un barrio con carencias en accesibilidade, problemas de mantemento dos espazos verdes e cunha degradación notábel nos elementos urbanos (prazas, parques, escaleiras, iluminación). Na visita, Francisco Jorquera, puido coñecer de primeira man as demandas veciñais: necesidade de mellora da accesibilidade nas rúas 'Horquídeas' e 'Margaritas', na praza dos 'Fresnos'; deficiencias no mantemento e carencias nos espazos infantís nos 'Castaños'; promesas por cumprir como a instalación de biosaudábeis nos parques ou ramplas para acceder aos portais en edificios; e tamén descoido do arborado e dos espazos axardinados con exceso de vexetación. “Mesmo hai praciñas nas que cedeu o firme e resulta perigoso camiñar, e outras que se inundan cando chove un pouco”, insistiu unha das veciñas que guiaron a visita.
“O barrio das Flores precisa dunha rehabilitación integral”, concluíu Francisco Jorquera. “Empezando por mellorar o pavimento, nun estado defectuoso cando non lamentábel en moitas zonas; ampliar as áreas infantís; resolver os múltiples problemas de accesibilidade porque é un barrio cheo de obstáculos para as persoas que teñan problemas funcionais... Estamos falando de actuacións que non teñen un custe moi alto e que son imprescindíbeis para mellorar a habitabilidade e a calidade de vida”.