Consello de Inclusión Social
Benestar Social impulsa a reactivación do Consello de Inclusión Social
A Coruña, 18 de decembro de 2019.- A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, convocou esta mañá no Pazo Municipal de Maria Pita unha reunión para verse coas entidades do terceiro sector da cidade que formaron parte do Consello local de Inclusión Social na anterior lexislatura.
O principal obxectivo desta reunión, á que asistiron 25 persoas membros de 18 entidades e tres centrais sindicais, é reactivar o Consello de Inclusión Social e pór en marcha os mecanismos que marca a ordenanza municipal para retomar a súa convocatoria oficial nesta lexislatura. Ademais, a Concellería de Benestar Social quere analizar tanto a situación na que se atopa a atención social na cidade por parte dos servizos sociais comunitarios como a situación actual de coordinación entre o concello e as entidades deste ámbito.
A concelleira Yoya Neira explicou neste encontro que "despois destes meses na concellería e dos contactos mantidos con todas as entidades do terceiro sector que tamén traballan no ámbito do voluntariado, decidiuse pór en marcha unha Oficina Municipal de Voluntariado que coordinará e centralizará todas as necesidades de voluntariado das entidades". Deste xeito, o concello será un vehículo de transmisión de información entre entidades e persoas voluntarias "para poder canalizar esta necesidade de coordinación que as entidades nos solicitaron desde o primeiro minuto", asegurou a edila. Neira tamén anunciou que esta nova oficina "tamén creará algún programa de voluntariado propio" pero a súa función principal será vehicular xa que a carencia que ten a cidade é "xestionar a información e a canalización de necesidades, posto que ten unha gran oferta entre todas as entidades".
Neste encontro tamén se abordou a necesidade manifestada polas entidades presentes de engadir o persoal técnico municipal nos grupos de traballo derivados deste consello, algo que non existe ata o momento e que permitirá a coordinación e o liderado municipal neste ámbito. As entidades manifestáronlle a Neira que era algo que botaban en falta e que levaban tempo solicitándoo.