BNG | Nota de prensa
O BNG apela a que o “clima de diálogo” en María Pita se traduza en logros concretos
Almorzo informativo do grupo municipal nacionalista sobre o comezo do novo curso político
A Coruña, a 9 de setembro de 2019. O diálogo entre as forzas políticas é condición necesaria para dar resposta ás demandas das veciñas e veciños, mais sempre e cando se traduza en logros concretos para a cidade e no cumprimento dos acordos alcanzados. Así o expresaron esta mañá, nun almorzo informativo cos medios, Francisco Jorquera e Avia Veira, un encontro en que portavoz e concelleira do BNG abordaron as tarefas que a formación nacionalista considera prioritarias no comezo do novo curso político.
“O diálogo é bon e del naceu o acordo de investidura que asinamos co PSOE [19 de xuño, entente que viabilizou a investidura de Inés Rey]. Mais é fundamental que os acordos se cumpran. E desde logo desde o BNG imos demandar que se cumpran”, afirmou ao respecto Avia Veira.
“A xente demanda diálogo entre as forzas políticas. É o que queren tamén no Estado español, onde vemos un pim pam pum entre PSOE e Podemos que pode levar outra vez á repetición de eleccións porque esas forzas non dialogan e antepoñen os seus intereses partidistas ás necesidades sociais. E todo iso nun debate en que Galiza está desaparecida e a solución aos nosos problemas como país está absolutamente ausente”, considerou Veira.
Diálogo, si, mais diálogo para avanzar no concreto, defende o Bloque. E nese sentido na negociación dos orzamentos para 2020 o BNG ve “unha primeira oportunidade para verificarmos o cumprimento dos acordos”, dixo Francisco Jorquera.
O Acordo de Investidura entre PSdeG e BNG contempla o inicio das negociacions orzamentarias xa neste mes de setembro. “Do noso punto de vista é fundamental que A Coruña teña orzamentos plenamente operativos en xaneiro de 2020. Non nos podemos permitir o luxo de continuarmos con orzamentos prorrogados”, estendeuse Jorquera. “Por desgraza hai moitos indicadores que apuntan a que a economía pode entrar nun período recesivo e nese contexto os orzamentos son a ferramenta básica para o concello dinamizar a economía da cidade e contribuír para criar emprego”, engadiu.
“Hai máis de 50 millóns de euros de investimento directo que dependen da aprobación dos orzamentos”, afirmou Jorquera, un dato que ilustra até que punto desde María Pita se poden impulsar políticas de activación do tecido económico e produtivo da cidade.
Por tanto, esclareceu o portavoz nacionalista, “os orzamentos son a clave que nos dirá se o clima de diálogo ten ou non concreción en acordos positivos para as veciñas e os veciños”.
E é que nas contas do concello é onde se poden plasmar as prioridades do novo mandato. “Desde o BNG temos ben claras as nosas prioridades”, enfatizou Jorquera. E así pormenorizounas: “En grandes rótulos, a dinamización económica e a criación de emprego, a rexeneración urbana, as políticas sociais, a resolución do grave problema que temos co acceso á vivenda e a aposta noutro modelo de mobilidade”.
No Acordo de Investidura, enfatizou Jorquera, BNG e PSdeG concordaron no propósito de, xa na primeira metade do mandato, aprobar un plano de inclusión social e reformar a renda social municipal co obxectivo de a mellorar e de a estender a máis coletivos. Acordaron tamén activar un “ambicioso programa de vivendas de aluguer” e, durante o primeiro ano de mandato, “comezar o proceso que nos conduza a termos un novo modelo de transporte público na cidade, revisando o mapa de liñas dos autobuses, ampliando horarios, intensificando frecuencias e estudando novas fórmulas de xestión, incluíndo a directa”, relatou o portavoz do BNG.
“Na negociación”, esclareceu, “imos esixir que estes compromisos do Acordo de Investidura teñan plasmación directa nos orzamentos para 2020”, dixo Jorquera, convencido de que “desde a oposición pódese achegar moitísimo á nosa cidade, exercendo un labor de control, crítica e fiscalización do goberno cando fixer falta, mais tamén formulando propostas alternativas e de impulso da acción do executivo local que resulten no beneficio das veciñas”.