BNG | nota de prensa
O BNG defenderá este xoves unha moción para que o goberno local reforce o servizo do 010
É preciso reforzar o servizo municipal de información e atención á cidadanía 010 para que cumpra verdadeiramente os obxectivos para os que foi creado: conseguir unha administración máis transparente, eficaz e próxima, lograr un alto nivel de eficiencia na resolución das demandas que lle competen e mellorar a calidade de vida da veciñanza da Coruña.
A Coruña, a 5 de xullo de 2021.- Así o vai defender este xoves no Pleno o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, autor dunha moción coa que se insta o Goberno Local a mellorar este servizo.
Neste asunto, a propaganda -os obxectivos que o Concello di perseguir con este servizo, transparencia, eficacia, etc- vai por un lado e a realidade vai por outro. “En non poucas ocasións, moitos cidadáns e cidadás consomen horas até que conseguen comunicar co 010”, denuncia o voceiro nacionalista.
As novas condicións creadas pola pandemia –“que acelerou a migración á atención telefónica ou telemática”- máis o establecemento do requisito de cita previa a través do 010 teñen provocado un certo colapso deste servizo, o que obriga forzosamente ao seu reforzo e mellora.
Caso necesario, o Concello debería estudar a “posibilidade de revisar as condicións do contrato” deste servizo, que se presta por unha empresa privada en réxime de concesión, unha solución que contempla a propia Lei de Contratos do Sector Público cando ocorreren “circunstancias sobrevidas de carácter imprevisíbel” como obviamente foi a pandemia da Covid-19.