BNG | nota de prensa
O BNG demanda no Congreso a ampliación do servizo e do horario da oficina de Correos de Novo Mesoiro
Madrid, 24 de marzo de 2021.A formación nacionalista recolle as demandas veciñais logo de que se reduciran as quendas de atención ao público, desde xullo de 2020, nesta oficina que dá servizo ao barrio e a outros seis núcleos de poboación e a cinco urbanizacións.
Despois do remate do primeiro Estado de Alarma, provocado pola pandemia, o horario das dependencias desta oficina de Correos foi reducido. Na actualidade só se atopa aberto de luns a venres, eliminando o servizo dos sábados, catro horas ao día: de 9.30h a 13.30h. Esta nova situación provocou que a veciñanza protestara a través das Redes Sociais, chegando mesmo a presentar reclamacións individuais diante da oficina virtual de Correos de atención ao público e demandando a ampliación do horario e dos días de servizo.
O voceiro nacionalista reclama a ampliación do horario actual da oficina de Correos do barrio de Novo Mesoiro. Esta oficina dá servizo non só á propia veciñanza do barrio, mais tamén a núcleos de poboación como Feáns, Mesoiro, Castro de Elviña, Elviña, Vío e A Zapateira, así como a cinco urbanizacións próximas como Breogán, Obradoiro, Valaire, O Carón e Ultreia. “Máis de 12.000 habitantes nesta zona e dous polígonos industriais perto que conta con aproximadamente 5.000 empregos directos e 2.000 indirectos”, calcula a formación nacionalista.
Alén do máis, o BNG tamén lle pregunta ao Goberno do Estado por que se reduciu o horario de atención ao público da oficina e se considera apropiado o actual horario de atención ao público, tendo en conta que a maioría de persoas que viven no barrio, núcleos poboacionais, urbanizacións e contorna son traballadoras e non poden recoller en horario de mañá as notificacións ou certificados e se se pensa modificar no futuro o horario, ampliando a atención ao público polas tardes e os sábados pola mañá.
“Desde o mesmo momento da instalación e comezo do servizo da oficina, en 2014, a propia veciñanza de Novo Mesoiro viña a demandar a ampliación do horario co que se atendía ao público, xa que logo a atención estaba reducida entre as 9.30 h e as 13.30 h, de luns a venres, e de 10.00 h a 12.00 h os sábados, imposibilitando coller calquera aviso, notificación o certificado en horario de tarde”, afirma o deputado nacionalista.