BNG | nota de prensa
O BNG empraza o goberno local a que deseñe unha estratexia para recuperar enlaces, nomeadamente internacionais, para o aeroporto de Alvedro
“O de Heathrow é especialmente estratéxico ao se tratar dun hub que conecta con múltiples destinos internacionais e ter unha importancia vital para o tecido empresarial radicado na nosa cidade e comarca”, di Jorquera
A Coruña, a 7 de xuño de 2021. O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quere mostrar a súa “preocupación” pola decisión de Vueling de concentrar a súa oferta de voos con destino e orixe na Galiza no aeroporto de Lavacolla.
“Estamos nun momento de recuperación de enlaces, sobre todo internacionais, en moitos aeroportos. Infelizmente iso non está a acontecer con Alvedro”, anota Jorquera.
É por isto que o noso voceiro empraza o Goberno Local a que deseñe unha estratexia para Alvedro recuperar enlaces, nomeadamente os internacionais.
Entre eles, o máis relevante é o de Heathrow, “non só para recuperar a conexión da nosa cidade e comarca con Londres, senón por se tratar dun hub [centro de conexión] que enlaza con múltiples destinos internacionais e ten unha importancia vital para o tecido empresarial radicado na comarca da Coruña”.
“Por iso é imprescindíbel que o Goberno Local actúe e haxa unha estratexia decidida para recuperar os enlaces perdidos durante a pandemia”, conclúe o noso voceiro.