BNG | nota de prensa

O BNG formula un rogo para o Goberno Local ordenar o derrubo do esqueleto dun edificio nas Xubias de Arriba

Que o Goberno Local ordene a demolición da estrutura dun edificio inacabado nas Xubias de Arriba, pois, alén do seu impacto paisaxístico e de constituír un foco de sucidade, é tamén un risco para as persoas

O BNG formula un rogo para o Goberno Local ordenar o derrubo do esqueleto dun edificio nas Xubias de Arriba
Esqueleto edificio As Xubias de Arriba
Esqueleto edificio As Xubias de Arriba

A Coruña, a 26 de agosto de 2021.-  Esa é a petición que o BNG lle formula ao executivo coruñés por medio dun rogo oral que será lido por Francisco Jorquera no Pleno do vindeiro 9 de setembro.

É un risco para as persoas, argumenta o voceiro do BNG en María Pita, “quer polo perigo de que se produzan desprendementos quer porque hai veces que crianzas e persoas mozas utilizan este espazo como lugar e xogos ou encontro”.

“Por iso a veciñanza”, relata Jorquera, “demanda dende hai anos a demolición desta estrutura e a recuperación deste espazo para o lecer, creando unha zona verde que amplíe o parque co que linda na parte superior”.

Alén da demolición do esqueleto, situado a carón do CAPD (Centro de Atención a Persoas con Discapacidade), a Asociación Veciñal Oza A Gaiteira Os Castros demanda tamén outras melloras nas Xubias, tales como alcanzar un acordo coa Xefatura Territorial da Consellaría de Educación de modo a retranquear un metro o muro do Centro de Educación Especial María Mariño. O obxectivo, darlle máis anchura ao camiño que leva cara á cala das Xubias ou intervir nas escaleiras que dan acceso á cala para adaptar o acceso a persoas con problemas de mobilidade.

O BNG insta o Goberno Local a que atenda tamén estas peticións veciñais.

O BNG formula un rogo para o Goberno Local ordenar o derrubo do esqueleto dun edificio nas Xubias de Arriba