BNG | nota de prensa
O BNG inquire o goberno local por que non licitou aínda a reposición do sistema de climatización da Fundación Luís Seoane
O mal estado en que se atopa a sede da Fundación ten impedido a exhibición das obras restauradas do xenial pintor coruñés
A Coruña, a 26 de outubro de 2022. O orzamento do Concello actualmente vixente inclúe unha partida de 808.550 euros para a reposición do sistema de climatización da Fundación Luís Seoane.
Mais estamos xa practicamente en novembro e a obra aínda non foi licitada, motivo polo que a concelleira do BNG Avia Veira dirixe unha pregunta por escrito ao Goberno Local.
Na exposición de motivos, Veira refire que en maio e xuño deste ano os medios fixéronse eco dunha “pésima noticia para a Fundación e a cidade”, a de que “as obras de Seoane xa restauradas non se poderían exhibir polo mal estado en que se atopa o inmóbel”.
O Goberno Local saíu ao paso destas informacións e indicou que xa existía unha partida orzamentaria para repor o sistema de climatización e arranxar as filtracións de auga.
Mais a data de 24 de outubro de 2022, remarca Avia Veira o día en que rexistrou esta iniciativa, “desde este grupo municipal observamos como esa licitación non se puxo en marcha: non pasou por Xunta de Goberno Local nin está no perfil do contratante”.
Veira fai unha batería de preguntas: Por que non se licitou aínda a obra? Están xa redactados os pregos? Vaise licitar antes de rematar o período de vixencia do orzamento?
A concelleira nacionalista pregúntalle ao Goberno Local as razóns de “tanto atraso”, tendo en conta que o orzamento entrou en vigor o 18 e abril”, ao tempo que mostra o seu temor de que as filtracións de auga podan provocar aínda maiores danos “ao legado de Luís Seoane”