Edificios histópricos de A Coruña
Os xardíns de San Carlos abertos despois das obras que permitiron recuperar o seu trazado orixinal
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acudiu ao xardín de San Carlos para a recepción das obras de restauración postas en marcha este ano polo executivo municipal. A recuperación integral dos emblemáticos xardíns históricos está financiada con fondos europeos, e o investimento ascendeu a máis de 250.000 euros. Rey estivo acompañada pola concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán.
"Poñemos en valor o patrimonio da nosa cidade e recuperamos a gran zona verde da nosa Cidade Vella cunha intervención na que respectamos as características singulares deste xardín tan valorado pola cidadanía", dixo a rexedora. O proxecto de recuperación de San Carlos procurou adaptar as instalacións e os seus equipamentos, restaurar o conxunto botánico e resaltar os elementos patrimoniais. Os xardíns abren ao público desde hoxe no seu horario habitual.
Os traballos garanten o respecto dos seus valores históricos e culturais e melloran a interpretación da súa importancia. Como principal novidade, recuperouse o trazado antigo do xardín sen alterar a súa esencia, coas súas oito divisións do xardíns orixinais. Instaláronse tamén novos elementos de divulgación e información histórica, cultural e botánica. A actuación executouse procurando sempre a mínima intervención dos bens artísticos.
Durante os traballos de restauración detectouse grafiose en tres olmos dos xardíns, que se reitraron para evitar a súa propagación ao resto do conxunto. Tal e como anunciou Inés Rey, desde a concellaría de Medio Ambiente, estase a traballar na súa reposición por outros tres exemplares dunha variedade resistente a esta enfermidade. Está previsto que se coloquen a finais de ano, por ser a época idónea para o seu transplante. As elevadas temperaturas nesta época do ano impiden adiantar dita operación.
No conxunto, mellorouse de maneira notable a composición botánica, respectando a esencia de xardín romántico en canto á orde e volumes das composicións. Para garantir a correcta execución das obras, e tendo en conta as singulares características deste espazo, traballouse cun equipo de seguimento composto por especialistas en arquitectura e execución de obra civil, arqueólogos e especialistas en árbores.
"Desde o Goberno municipal reactivamos deste xeito un gran reclamo histórico para a cidadanía e o turismo. Este é un dos nosos xardíns máis queridos, ademais do mais antigo da cidade, por iso o temos tratado cun cariño especial, cun equipo de especialistas que levaron a cabo a meirande parte dos traballos de xeito manual", dixo Inés Rey. Neste sentido, o Goberno de Inés Rey dá continuidade á liña de traballos para recuperar os xardíns históricos da cidade marcada neste mandato. O Concello da Coruña renovou e acondicionou o estanque de Méndez Núñez, no que volve a haber peixes de auga doce. Previamente, o actual Goberno municipal declarou Méndez Núñez como Zona de Especial Protección (ZEP), acabou coa práctica dos botellóns e recuperou a Rosaleda, o almanaque floral e o reloxo dos xardíns, renovándose tamén a estatua de John Lennon cunha guitarra floral. Leváronse tamén a cabo recentemente traballos de mellora na contorna do muíño do parque de Santa Margarida, que proseguirán con novo mobiliario. Ademais, no parque do Monte de San Pedro, renovouse o labirinto e acondicionaronse a cúpula, os canóns e o edificio que albergará un Museo de Interpretación.
Os traballos, ao detalle
- O proxecto englobou oito actuacións para a recuperación e mellora do patrimonio de San Carlos:
- A propia recuperación do trazado histórico do xardín.
- Tratamento da vexetación, cunha mellora integral dos espazos axardinados e actuando sobre os exemplares que se atopaban en mal estado e as zonas carentes de vexetación.
- Nova oferta de información e divulgación técnico-científica, reforzando a aposta polas novas tecnoloxías, especialmente con elementos de lectura dixital con linguaxe inclusiva, como o braille.
- A mellora da contorna do arboredo protexido existente, cunha limpeza manual das zonas compactadas.
- Adecuáronse as instalacións, tamén o firme, cunha modalidade branda-flexible, co obxectivo de gañar en sensibilidade e delicadeza cos elementos existentes.
- Instaláronse bancos individuais para potenciar as vistas dos miradoiros de San Carlos dende as fiestras.
- O Concello restaurou as lanzas de Juan de Ciórraga e recolocounas convenientemente.
- Ademais, instalouse unha escultura do creador do xardín, o brigadier D. Francisco Mazarredo.