BNG | nota de prensa

O BNG leva a pleno as políticas de mobilidade e critica os incumprimentos do goberno nesta materia

No Pleno de xaneiro, a Corporación aprobou unha moción do BNG con medidas para fomentar o uso do transporte público na nosa cidade. Está a concluír o primeiro semestre do ano e o Goberno Local non deu cumprimento a ese pronunciamento do Pleno.
O BNG leva a pleno as políticas de mobilidade e critica os incumprimentos do goberno nesta materia

A Coruña, a 28 de maio de 2021. É por iso que a concelleira do BNG Avia Veira volve suscitar a cuestión e volve levala á próxima sesión plenaria, a se realizar o vindeiro xoves 3 de xuño.

“Que medidas ten pensado desenvolver o Goberno Local para fomentar o uso do transporte público na nosa cidade”, así reza a pregunta oral que a edil nacionalista formulará ao concelleiro competente na materia, Juan Díaz Villoslada.

“Estamos realmente preocupadas no BNG pola mobilidade n cidade. É evidente que o avanzo no proceso de vacinación e o remate dos períodos de teletraballo van supor un aumento dos desprazamentos na cidade. É por tanto o momento de impulsar o transporte público”, urxe Avia Veira.

Non é só que non se dese cumprimento á moción de xaneiro, é que boa parte das medidas precisas para promover o transporte público estaban contidas no Acordo de Investidura subscrito por BNG e PSOE en xuño de 2019. “Medidas que a metade de mandato”, remarca Avia Veira, “non están cumpridas”.

Falamos da implantación do carril bus, mais tamén da modificación de liñas para mellorar a conexión entre barrios –sobre todo os máis afastados do centro-, ben como a comunicación cos polígonos industriais, os centros de saúdes e os lugares aos que acode moita xente a traballar. Falamos tamén de intensificar as frecuencias e ampliar os horarios, para os adaptar ás horas de entrada e saída, nomeadamente nocturna, dos traballos.

E hai que estudar tamén o modelo de xestión, enfatiza a concelleira nacionalista. A concesión á Compañía de Tranvías caduca en 2024. “Hai que aproveitar o tempo. 2024 non está tan lonxe e o tempo pasa. Hai que estudar como queremos xestionar o transporte público na nosa cidade e desde logo avaliar todos os escenarios, incluído o da xestión directa. Non queremos que aconteza algo semellante ao que sucede con Nostián”, conclúe Veira.


 

O BNG leva a pleno as políticas de mobilidade e critica os incumprimentos do goberno nesta materia