Nota de prensa do BNG A Coruña
BNG: moción polas traballadoras das instalacións deportivas municipais
O BNG presenta unha moción para o seu debate no vindeiro pleno na que demandan que o Goberno municipal garanta o cumprimento dos dereitos laborais das traballadoras e dos traballadores dos servizos complementarios das instalacións deportivas municipais
As nacionalistas defenden con esta moción que o Concello da Coruña, como Administración responsábel do contrato, ten que velar por que se cumpran as condicións recollidas nos pregos e polo tanto ten que garantir o cumprimento dos dereitos laborais das traballadoras e dos traballadores sobre todo tendo en conta que Ferrovial leva anualmente pola xestión deste servizo 1,5 millóns de euros anuais
O Grupo Municipal do BNG anuncia que rexistrou unha moción para o seu debate no vindeiro pleno na que demandan que o Goberno municipal garanta o cumprimento dos dereitos laborais das traballadoras e dos traballadores dos servizos complementarios das instalacións deportivas municipais.
As nacionalistas sinalan que este servizo foi adxudicado en 2012 cun orzamento de 1.425.931,30 euros anuais, á empresa Ferrovial de acordo coa súa oferta técnica mais tamén de acordo cos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas que han de rexer o contrato.
Para o Bloque, resulta escandalosa a evolución dos tipos de contratos do persoal que traballa nas instalacións deportivas municipais xa que en 2012 traballaban 71 persoas, das cales 46 tiñan xornada completa e 25 xornada parcial. Porén, tal e como lle transmitiu o Comité de Empresa ao Grupo Municipal do BNG, actualmente tan só hai 64 persoas, das cales só 34 o fan con xornada completa e 29 teñen xornada parcial.
“A precarización é evidente á vista da evolución da tipoloxía de xornadas polas que se contrata o persoal do servizo que tamén supón un incumprimento dos pregos de prescricións técnicas como tamén o é a falta de dotación de medios materiais para o desenvolvemento do traballo, ou a vulneración das condicións laborais das traballadoras e dos traballadores, por exemplo tamén na imposibilidade de conciliar”, sinala Avia Veira.
Así pois, as nacionalistas instan na súa moción a que o Goberno municipal estude coa máxima axilidade posíbel a evolución da tipoloxía dos contratos do persoal que traballa nos servizos complementarios das instalacións deportivas municipais; que estude se foron comunicados ao Concello da Coruña os cambios no cadro de persoal do dito servizo, xa que non facelo suporía unha infracción grave tal e como estabelecen os pregos que rexeron o contrato; que penalice, no seu caso, a empresa de acordo cos pregos que rexeron a contratación se se verifica que se minorou a cantidade de persoal ou que se contrataron novos traballadores ou novas traballadoras no servizo
Desde o Bloque, salientan que tanto a Inspección de Traballo como o Xulgado do Social téñenlle dado a razón ao Comité de Empresa en reiteradas ocasións sen que o Goberno municipal faga absolutamente nada ao respecto.
“Xa non é a primeira vez que este Comité de Empresa neste mandato nos traslada a situación que sofren como traballadoras e traballadores mais que tamén inflúe na calidade do servizo, xa que a temporalidade dos e das traballadoras provoca que haxa unha descontinuidade do persoal que atende as instalacións como tamén inflúe a falta de medios materiais ou a modificacións dos horarios de traballo de xeito unilateral”, sinala a voceira municipal do BNG Avia Veira.
Para o BNG da Coruña, é lamentábel que o cadro de persoal das instalacións deportivas municipais tivera procurado en reiteradas ocasións a implicación e mediación do actual Goberno municipal mais que obtiveran como única resposta evasivas e en ningún caso firmeza ante esta empresa.
Así, o BNG da Coruña defende con esta moción que o Concello da Coruña, como Administración responsábel do contrato, ten que velar por que se cumpra nas condicións recollidas nos pregos e polo tanto ten que garantir o cumprimento dos dereitos laborais das traballadoras e dos traballadores sobre todo tendo en conta que Ferrovial leva anualmente pola xestión deste servizo 1,5 millóns de euros anuais.
Polo tanto, na súa iniciativa, o Grupo Municipal do BNG demanda que o Goberno local exixa á empresa o cumprimento do Convenio Colectivo de Instalacións Deportivas e Ximnasios da Comunidade Autónoma de Galiza e polo tanto cumpra coas súas obrigas de informar ao persoal fixo descontinuo da existencia de postos fixos e permitir que os soliciten así como a súa conversión en contratos a tempo completo cando esa sexa a xornada do posto vacante.
“Solicitamos tamén que o Executivo da Marea Atlántica lle exixa á empresa que busque unha saída negociada no conflito polos horarios, no canto de impoñer o seu criterio, que poida ser anulado de novo pola xustiza e evite así un conflito que prexudica á cidadanía, ademais de aos traballadores e traballadoras; así como que lle exixa á empresa a dotación dos medios materiais para que as súas traballadoras e aos seus traballadores poidan desempeñar axeitadamente o seu traballo, tal e como estabelecen os pregos que rexeron a contratación” conclúe o Bloque.