BNG | Nota de prensa
O BNG pide ao goberno local unha “solución” ao persoal das bibliotecas municipais “no primeiro ano do mandato”
Pregunta oral no pleno do 12 de setembro
A Coruña, a 4 de setembro de 2019. A concelleira do BNG Avia Veira rexistrou este mércores unha pregunta oral ao Goberno municipal en relación á situación “legal e laboral” en que se acha o persoal das bibliotecas municipais.
A iniciativa vaise substanciar no pleno do Concello, a se realizar o vindeiro xoves 12 de setembro.
Veira quer saber se o goberno municipal “está comprometido” con lle “dar a mellor solución legal e laboral posíbel” ás traballadoras e aos traballadores das bibliotecas.
O BNG avoga por que esa solución se alcance “no primeiro ano de mandato” e que sexa coherente “co obxectivo de unificar a rede [de bibliotecas] a través da xestión directa”.
O Bloque salienta que a unificación da rede para ser xestionada directamente polo concello é un dos compromisos recollidos no acordo asinado no seu día por nacionalistas e socialistas con vistas a viabilizar a investidura de Inés Rey.