BNG | nota de prensa
O BNG Pide que aumente a partida orzamentaria para o bono taxi
“Non valen escusas. Se houbo 400 mil euros para a selección española e 50 mil para o Masterchef, ten que haber recursos para garantir os seus dereitos ás persoas con mobilidade reducida”, afirma Avia Veira
A Coruña, a 4 de maio de 2022. En 2021 houbo na cidade 133 beneficiarias do bono taxi para persoas con mobilidade reducida. En 2022 o número aumentou até as 244 persoas. Mais o diñeiro destinado polo Concello non incrementou na mesma proporción. Mantívose idéntica partida, 155.000 euros. Por tanto, a axuda per cápita descendeu moi significativamente: pasou de 1.165 euros a 635, un descenso do 45%.
Esta situación, que afecta gravemente os dereitos das persoas con mobilidade reducida, leva o BNG a formular unha moción que defenderá esta xoves no Pleno a concelleira Avia Veira.
O grupo municipal nacionalista pide con esta iniciativa que aumente a partida orzamentaria para o bono taxi. “A consecuencia da depreciación da axuda rexistrada en 2022 a respecto de 2021, as persoas perceptoras teñen que elixir os seus desprazamentos, que se verán restrinxidos a aqueles estritamente obrigatorios relacionados coa súa enfermidade ou co seu estado”, resalta Veira, para quen a saúde mental das beneficiarias pode verse afectada, como tamén sen dúbida hanse ver reducidas “as súas posibilidades de participaren da comunidade en pé de igualdade coas persoas que non teñen a súa mobilidade reducida”.
“O BNG ten moi claro que A Coruña debe ser unha cidade democrática, entendida como tal aquela en que todas as persoas teñen garantido o dereito á súa mobilidade. Isto esíxenos prestar unha especial atención ás veciñas e veciños con mobilidade reducida”, subliña Veira.
A moción persegue tamén que esta axuda se pague mediante tarxeta moedeiro –tal e como o reclamaba unha iniciativa do BNG aprobada polo Pleno en xaneiro de 2020-. “Hoxe en día o pagamento faise mediante cheques que teñen que ser asinados pola persoa perceptora. Mais moitas delas teñen unha situación física que compromete a súa psicomotricidade e que lles dificulta o acto da sinatura, o cal aumenta tamén o seu grao de dependencia doutras persoas”, explica a concelleira do BNG.
De resto, o BNG propón igualmente que se teña en conta a demanda da Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica –AGAELA_ e, consecuentemente, ante determinadas patoloxías non se contemplen unicamente os criterios de renda, sendo que hai persoas que, a pesar de superaren os límites económicos, teñen a mobilidade moi comprometida e unha necesidade imperiosa de utilizar o taxi como único medio de transporte.