BNG | nota de prensa
O BNG pregúntalle ao Goberno Local que xestións está a facer anto o Estado para paliar a perda de ingresos derivada da sentenza sobre as plusvalías
Jorquera considera que "este é o momento de abordar de vez a necesaria reforma do sistema de financiamento das administracións locais"
A Coruña, a 30 de outubro de 2021. O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, rexistrou unha pregunta por escrito por medio da cal interésase por saber que xestións realizou ou está a realizar o Goberno Local ante o do Estado "con vistas a que se compense o Concello pola eventual perda de ingresos decorrentes da sentenza do Tribunal Constitucional" sobre o coñecido como imposto das plusvalías.
A mingua de ingresos na Facenda Local derivada da sentenza do TC en relación ao imposto sobre incremento do valor dos terreos de natureza urbana ascendería a uns 8 millóns de euros, de acordo coa estimación feita pública esta mesma semana pola alcaldesa.
"Esa redución nos ingresos afectaría obviamente a capacidade do Concello para mellorar as súas prestacións sociais e para reactivar a economía e o emprego na cidade", di Jorquera.
Esta situación, remarca, prodúcese xusto nun contexto marcado polo feito de que o Goberno Local, a pesar de xa estarmos na práctica no mes de novembro, aínda non ten dado a coñecer sequera as liñas mestras que informarán o contido do proxecto de orzamentos do Concello para 2022.
É por iso que Jorquera considera que "estamos ante unha ocasión inmellorábel para abrir de vez, e con consecuencias prácticas positivas, un debate arredor da reforma do sistema de financiamento das administracións locais". "Un sistema", apunta, "que na súa configuración actual prexudica os concellos galegos, ao antepor o factor da poboación -a primar as cidades de máis de medio millón de habitantes- sobre variábeis como o avellentamento ou a dispersión".
En todo caso, o Goberno Local debe procurar alternativas á virtual desaparición do imposto de plusvalías e, nese sentido, Jorquera pregúntalle ao Executivo coruñés se contempla a hipótese de subscribir un crédito "para non se ver minguada a capacidade de investimento no orzamento para 2022".