BNG | nota de prensa
O BNG presenta unha moción para a Xunta destinar máis recursos ao Centro de Información ás Mulleres e para a corporación apoiar as manifestacións feministas do vindeiro 25N
A Coruña, a 8 de novembro de 2022. Por medio desta iniciativa, o BNG empraza tamén á Xunta a que mellore o financiamento do Centro de Información ás Mulleres, de titularidade municipal, mais en parte rexido pola Administración galega como receptor de subvencións a cargo da facenda autonómica.
Tal e como ten sinalado a FEGAMP, as subvencións -45 mil euros por centro- teñen unha dotación exigua, o que obviamente limita “o cadro de persoal e os perfís profesionais de que dispoñen a maior parte dos CIM, ben como tamén o seu orzamento”, salienta Veira na exposición de motivos da iniciativa.
Con recursos tan escasos os CIM apenas poden destinar 5% dos seus fondos a accións de prevención e promoción da igualdade, denuncia Veira, quen alerta tamén do incremento dos episodios de violencia contra as mulleres. “Os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre de 2022 até 1.831 denuncias por violencia machista, un 9,9% máis que no mesmo período de 2021”, pormenoriza.
Isto dáse, alén de máis, no medio dunha escalada de prezos que impacta especialmente nas mulleres, a afondar a desigualdade, e “nun contexto de medre dos discursos misóxinos que até cuestionan a existencia da violencia machista”.
A moción do BNG insta tamén a Xunta a que destine 1% do seu orzamento á loita contra a violencia machista, única forma de que efectivamente se podan cumprir as previsións da Lei galega 11/2007, de 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.