BNG | nota de prensa
O BNG propón un paquete de medidas sociais e reformas na lexislación que permitan aos concellos enfrontar as consecuencias económicas
A Coruña, a 18 de marzo de 2020. O voceiro do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, participou na mañá deste mércores nunha reunión da Xunta de Portavoces que con carácter monográfico abordou a crise do coronavirus. Na xunta, que se prolongou por espazo de hora e media, acordouse que este órgano se reuniría periodicamente para os distintos grupos municipais recibiren información do Goberno Local e poderen así facer achegas e propostas. A próxima reunión ficou axendada para o próximo luns ás 10.30 horas.
No transcurso da xunta, o BNG partillou co resto de grupos municipais unha serie de preocupacións e suxestións. Así, remarcou Jorquera a necesidade de asegurar equipos de protección individual a todo o persoal do Concello con exposición ao público, ben como o imprescindíbel reforzo de servizos como o 010, a atención ao domicilio e as bolsas comedor para nenas e nenos.
Ao mesmo tempo, o portavoz nacionalista defendeu que se encetase o estudo dun paquete de medidas para, desde o ámbito competencial do Concello, enfrontar as secuelas sociais e económicas que xa se están a derivar da crise do coronavirus. Medidas que vaian dirixidas a favorecer a reactivación económica para mitigar o impacto desta emerxencia sanitaria.
Nese sentido, o BNG considera que nun contexto como este é máis necesario que nunca reformar a lexislación estatal no que atinxe a regras de gasto, capacidade de endebedamento e limitación a contratación de persoal das admistracións locais. "Fáganse as reformas lexislativas precisas para que desde os concellos se poda activar un plano ambicioso e facer fronte así ás consecuencias económicas e sociais desta emerxencia sanitaria", indicou Jorquera.
En todo caso, salientou o portavoz nacionalista que "a actitude do Bloque vai ser sempre de cooperación, de colaboración e de lealdade co Goberno Local, poñendo sempre a protección da saúde pública por enriba de calquera outra consideración. Esa é a actitude que estamos a manter e desde logo a que manteremos até o final".