BNG | nota de prensa

O BNG rexeita o acordo co Estado sobre o cárcere

No Pleno extraordinario co que o Concello despediu 2022, o BNG votou en contra do acordo asinado polo Goberno Local co Estado en relación ao antigo cárcere provincial e abstívose no convenio coa Xunta para a obtención de terreos e execución de accesos con vistas á ampliación do CHUAC. 
O BNG rexeita o acordo co Estado sobre o cárcere
avia_jorquera_pleno
Avia Veira e Francisco Jorquera no pleno extraordinario

A Coruña, a 28 de decembro de 2022. O convenio transaccional sobre a cadea foi rexeitado polo Pleno ao contar só cos votos favorábeis dun grupo municipal, o socialista.

Na mesma sesión, o BNG votou a prol da aprobación definitiva do modificativo dos orzamentos de 2022 -se ben mostrou o seu apoio ás alegacións formuladas polo Clube Eirís Sociedade Deportiva e a Asociación Veciñal do mesmo barrio-  e abstívose no debate e votación da Conta Xeral do Concello correspondente ao exercicio de 2021.

Sobre o asunto do cárcere, o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, e en contraposición á tese defendida polo voceiro do Goberno Local, deixou claro que "non se debate aquí acatar ou non a sentenza sobre o acordo entre o Estado e o Concello, senón que se debate o contido concreto dese acordo, en virtude do cal o Concello pagaría 2,3 millóns de euros pola cesión dun ben que é noso, que foi construído sobre terreos municipais, e que se nos cedería en estado ruinoso e sen ningún compromiso por parte do Estado para a súa restauración".

Se tanto liderado ten a alcaldesa -ironizou Jorquera en alusión ao portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage-, por que entón non se pelexa por lograr un acordo extraxudicial xusto co Estado que non pode ser outro, remarcou, que a reversión gratuíta do inmóbel ao Concello previa restauración por parte da Administración, a central, que é a única responsábel do estado de ruína en que se acha.

O Pleno non comezou con este asunto, mais si coa votación da urxencia desta sesión, para posteriormente proceder á aprobación definitiva do modificativo de crédito sobre o orzamento actualmente vixente. Non apoiou a urxencia o BNG polo xeito atropelado en que foi feita a convocatoria, o que resultou en que a oposición non dispuxese de tempo abondo para un estudo minimamente demorado da documentación.

Canto ao contido concreto do asunto, o BNG volveu votar a favor da aprobación do modificativo, como xa fixera no trámite en que se lle deu luz verde provisoria. Mais Jorquera manifestou o apoio que o Bloque presta ás alegacións formuladas polo Clube Eirís Sociedade Deportiva e a Asociación Veciñal do barrio para se dotar dunha bancada cuberta no futuro campo de fútbol. Neste sentido, o voceiro nacionalista pedíulle ao Goberno Local que incorpore esta demanda, absolutamente razoábel, no próximo modificativo.

A aprobación da conta xeral correspondente ao exercicio 2021 foi o terceiro punto en se debater nesta sesión. "Como en anos anteriores, vemos luces e sombras", indicou Jorquera, quen denunciou que a piques de rematar 2022 "o Goberno Locdal nin iniciou as negociacións para pactar os orzamentos de 2023 nin presentou un proxecto".

Ante esta evidencia, o que conclúe o BNG é que o Goberno Local "vai optar por prorrogar os orzamentos vixentes, co cal remataremos o mandato con só dous orzamentos aprobados".

Visto que os orzamentos entrarían en vigor, no mellor dos casos, ás portas das eleccións de maio e terían que ser executados polo goberno entrante, xa non lle ve sentido Jorquera a que o Goberno Local presente ningún proxecto. Tería que ter comezado a negociación xa en setembro, para que as contas surtisen xa efecto a un de xaneiro, tal e como prevía o Acordo de Investidura suscrito en xuño de 2019 por BNG e PSOE.

O que si cómpre, e facelo coa máxima urxencia, é "aprobar canto antes un modificativo dos orzamentos actuais" visando non deixar as entidades da cidade sen convenios e co obxectivo tamén de "acometer investimentos que non están previstos nos orzamentos aínda vixentes".

O convenio coa Xunta sobre o CHUAC

O Pleno concluíu coa aprobación do convenio coa Xunta para a tramitación e formalización da obtención de terreos necesarios para a execución do novo CHUAC -en realidade, unha ampliación do actual- e para a execución dos accesos ao complexo hospitalario desde a rede viaria de alta capacidade.

A nosa concelleira Avia Veira criticou a falta de tempo, onte na comisión de Urbanismo a documentación foinos entregada apenas 1 hora e 40 minutos de antelación, coa que a oposición se viu obrigada a preparar este asunto.

O tixolo, o cemento, non é prioridade da sanidade na Coruña, senón o reforzo dos medios humanos e materiais, nomeadamente na atención primaria, remarcou. "O Concello vaise endebedar para pór 22,2 millóns de euros e non sabemos en que vai redundar isto na nosa saúde", engadiu.

O BNG, esclareceu, ve lóxico que o Concello financie os viarios para a ampliación do CHUAC, mais non as expropiacións para a obtención de terreos. Veira botou tamén en falta o informe do interventor tendo en conta a seria repercusión económica da aplicación do convenio para as arcas municipais.

En todo caso, o BNG nunca se vai opor á modernización das infraestruturas sanitarias da cidade, polo que a formación nacionalista se abstivo para non pór atrancos á aprobación do convenio.

O BNG rexeita o acordo co Estado sobre o cárcere