Pleno municipal A Coruña
O BNG traslada ao Pleno de hoxe unha moción para solicitar a tarifa eléctrica galega e o IVE superreducido do 4% na factura da luz
A iniciativa enmárcase dentro da proposta nacionalista presentada hai uns días e que denuncia a situación de pobreza enerxética que están a sufrir moitas galegas e galegos.
O BNG leva ao Pleno ordinario de hoxe unha moción na que solicita que se adopte o acordo de demandar a tarifa eléctrica galega e o IVE superreducido do 4 % na factura da luz.
É e que o Bloque quere dar o debate sobre a situación de pobreza enerxética, cualificada pola propia organización nacionalista como inadmisíbel, que están a sufrir miles de galegas e de galegos nun pais que é excedentario na produción de enerxía.
Deste xeito, e dentro desta campaña que está desenvolvendo a nivel nacional, o BNG denuncia que Galiza apenas contou con capacidade para deseñar e aplicar unha estratexia enerxética propia, orientada a un aproveitamento endóxeno dos seus recursos enerxéticos.
Do mesmo xeito, e segundo indica a concelleira nacionalista Avia Veira, “a xeración eléctrica no noso país levou e leva aparellados uns moi importantes custos sociais e medioambientais, asemade de que Galiza non tirou proveito desta actividade económica. Ao contrario, ao estar sometida a un marco regulatorio e tarifario común en todo o Estado español, ás decisións adoptadas polas empresas eléctricas que actúan en réxime de oligopolio a través dos seus centros de decisión afastados de Galiza, nunca recibiu vantaxes do aproveitamento dos seus recursos, mesmo sofre en amplas zonas do país unha deficiente calidade da subministración eléctrica”.
Así, o BNG critica moi duramente as políticas neoliberiais que está a sufrir Galiza e o pobo, caracterizadas neste caso, polo espolio dos recursos naturais de Galiza para beneficio duns poucos a través da especulación dos prezos da enerxía. Isto prodúcese ademais, continúan as nacionalistas, en conivencia e complicidade cos sucesivos gobernos no Estado do PP e do PSOE, e que podemos exemplificar na famosa porta xiratoria e cos múltiples ex-cargos destes partidos que hoxe en día sentan nos consellos de administración das subministradoras de enerxía, tal e como aconteceu a semana pasada co Sr. Fernández de Mesa.
Para o BNG as administracións non poder quedar paradas ante a situación diaria de miles de persoas que no país non poden acender as calefaccións nas súas casas e calculan que a través dunha tarifa eléctrica propia que permitiría presos máis baratos e xustos, e que sería un revulsivo á hora de crear emprego e acabar coa pobreza enerxética, e reducir o IVE na factura da luz do 21 % ao 4, significaría rebaixar unha factura de 150 euros a 100 euros.
“A semana pasada estivemos diante da oficina de atención ao cliente de Gas Natural Fenosa facendo un reparto e informando á xente das vantaxes de ter una tarifa propia e da aplicación dun IVE superreducido e hoxe demandaremos da Corporación un compromiso unánime que atenda á situación deses miles de galegas e de galegos e á condición do noso país como excedentario na produción de electricidade; é inadmisíbel que en Galiza, o maior produtor de enerxía do Estado, paguemos a electricidade máis cara que noutras partes e que na actualidade se estean dando situacións de pobreza enerxética e de abandono a súa sorte as persoas que máis necesitan o apoio das administracións”, conclúe Avia Veira.