"Para desenvolver proxectos que impulsen o comercio de barrio"
A Concellería de Emprego outorga subvencións a 16 entidades locais por valor de máis de 126.000 euros
O edil Alberto Lema salienta a realización da convocatoria “a través dun proceso de concorrencia competitiva, o que favorece que as axudas respondan ao contido dos proxectos”
Concello da Coruña | 4/11/2017
A Concellería de Emprego e Economía Social vén de resolver a convocatoria destinada a entidades comerciais que desenvolvan proxectos de dinamización do comercio de barrio no presente exercicio. En total serán 16 as asociacións que recibirán axudas por valor de 126.500 euros para "levar a cabo iniciativas que modernicen e dinamicen o comercio de proximidade", segundo sinala Alberto Lema. Tal e como destaca o responsable municipal, as propostas foron concedidas por medio dun proceso de concorrencia competitiva, tendo que presentar cada entidade solicitante unha memoria do ou dos proxectos a realizar. "Este tipo de procesos son moito máis igualitarios e evitan que as axudas se dean unicamente atendendo a criterios nominativo e non ao contido dos proxectos", salienta o edil, ao lembrar que, nesta ocasión, cada entidade "tivo que presentar unha memoria en relación á proposta para dinamizar o comercio de barrio".
As subvencións, cuxa contías máximas para cada actividade son de 5.000 euros no caso asociacións de comercio, e de 20.000 para as federacións de comerciantes, son compatibles con outras convocatorias de axudas por parte de entidades públicas e privadas. Entre os requisitos que se tiveron en conta á hora de conceder as subvencións foron, entre outros, o uso da lingua galega no desenvolvemento das accións de dinamización, o compromiso ambiental das actividades propostas e que estas sexan de carácter inclusivo, o número de comercios asociados á entidade solicitante ou a paridade na súa xunta directiva.
As asociacións cuxa iniciativa foi valorada positivamente e, polo tanto, son beneficiaras das axudas, son as seguintes: Asociación Zona Comercial Obelisco --5.000 euros para a actividade Noite Branca--, Asociación Vecinos y Comerciantes Paternidad Sagrada Familia --2.502,88 euros para diferentes iniciativas--, Asociación de Comerciantes de Castrillón, Eirís y Monelos (ACOCEM) --5.000 euros para a Filloeira de Lestedo--, Asociación de Empresarios de A Grela --3.000 euros para Compra no barrio de A Grela--, Área Comercial As Conchiñas --5.000 euros para un Obradoiro de cociña saudable--, Asociación Comerciantes Distrito Mallos --5.000 euros para o xornal Distrito Mallos--, Agrupación de Vecinos y Comerciantes de Monte Alto --5.000 euros para o Gastronadal--, Asociación de Empresarios Distrito Picasso --5.000 euros para o Mercadillo do Nadal Picasso e as súas pombas--, Asociación Vecinos y Comerciantes La Falperra --5.000 euros para iniciativas enmarcadas baixo o nome Estímulo e dinamización do comercio no barrio--, Asociación Empresarios y Comerciantes de Matogrande --4.500 euros para Aquí cae Papa Noel--, Asociación de Comerciantes y Empresarios Boulevard Elviña, Asociación Comercial e Empresarial Ciudad Antigua (ACECA) --4.952,01 euros para as actividades culturais e gastronómicas Feira da Cervexa Artesá--, Asociación Profesional Gran Área Comercial Riazor --4.800 euros para Gastrotapas--, Asociación Comercial Oza --3.000 euros para Promoción compras Distrito Oza 2017--, Federación Unión de Comercios Coruñesa (FUCC) --20.000 euros para o Comerciopoly-- e a Federación de Entidades Empresariales del Comercio de la provincia de A Coruña --19.241,80 euros para a actividade O comercio tradicional pinta moito--.