Escolas Infantís Municipais

O Concello abre o 10 de abril o prazo para solicitar praza na rede de Escolas Infantís Municipais

A Xunta de Goberno local aprobará mañá as bases da convocatoria, que establecen tamén un período entre o 25 de marzo e o 3 de abril para que as familias poidan renovar a matrícula de nenos e nenas xa escolarizados nestes centros

O Concello abre o 10 de abril o prazo para solicitar praza na rede de Escolas Infantís Municipais
Inicio do curso na escola Carricanta
Inicio do curso na escola Carricanta

A Coruña, 6 de marzo de 2019.- A Concellería de Xustiza Social e Coidados abre o vindeiro 10 de abril o período de novas matrículas na rede de Escolas Infantís Municipais, como se indica na base da convocatoria que aprobará mañá a Xunta de Goberno local. As familias con nenos e nenas de ata 3 anos terán ata o 30 de abril para solicitar unha nova praza. O calendario do proceso de admisión para o curso 2019-2020 tamén establece que entre o 25 de marzo e o 3 abril poderán reservar a praza os e as menores que xa estean escolarizados nos centros municipais.

Os novos ingresos serán para os nenos e as nenas nados nos anos 2017, 2018 e 2019, para quen se poderá solicitar praza nun máximo de dúas escolas infantís municipais. As solicitudes cubriranse en liña na web www.coruna.gal/educacion e, unha vez feita a inscrición, é preciso imprimir, asinar e entregar na escola unha copia da solicitude. As vacantes dispoñibles nos nove centros dependentes do Concello coñeceranse a comezos de abril, unha vez o alumnado actual remate a súa reserva de praza. Para acceder a estas escolas, é preciso que o ou a menor teñan cumpridos, como mínimo, os 3 meses de idade na data de comezo do curso e non ter 3 anos a 31 de decembro de 2019. Ademais, terán prioridade os nenos e nenas empadroados no Concello.

A Concellería de Xustiza Social e Coidados valora criterios de renda e situación sociofamiliar e laboral á hora de puntuar as solicitudes. Deste xeito, as unidades familiares con menor renda obterán a puntuación máxima. Teranse tamén en conta diversidades funcionais dos e das menores e tamén da unidade familiar, a condición de familia numerosa, monoparental ou o número de persoas que conformen a unidade familiar e a presenza de irmás ou irmáns con praza no REIM. A situación de emprego ou desemprego da nai ou do pai tamén sumará puntos, que se multiplicarán por dous no caso das familias monoparentais. A Rede de Escolas Infantís Municipais conta con nove centros -A Caracola, Arela, Agra do Orzán, Carricanta, Os Rosales, Luís Seoane, Monte Alto, Os Cativos, Carmen Cervigón-, que ofertan máis de 800 prazas.

Toda a información sobre o proceso de matrícula para a Rede de Escolas Infantís Municipal está dispoñible no portal web http://www.coruna.gal/educacion/es/red-de-escuelas-infantiles

O Concello abre o 10 de abril o prazo para solicitar praza na rede de Escolas Infantís Municipais