Parque Ofimático
O Concello acometerá dende o luns a urbanización das bases das torretas eléctricas do Parque Ofimático, que estarán rematadas a finais de xullo
O edil Xiao Varela comprobou con representantes dos e das cooperativistas a retirada das estruturas por parte de Unión Fenosa e lembrou que o Goberno local estará en disposición de dar as licenzas de primeira ocupación ás vivendas que teñan outorgado o subministro eléctrico unha vez rematen as obras
Concello da Coruña | 23/06/2018
O Goberno local iniciará o próximo luns as obras de urbanización do sector do Parque Ofimático no que estaban asentadas as tres torretas do tendido eléctrico, unha actuación que se pode acometer unha vez desmontadas por parte de Unión Fenosa Distribución. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, reuniuse onte con representantes das cooperativas, da UTE de Arias e COMSA responsable das obras da separata, e o director da mesma, así como con persoal técnico do Concello, "para verificar a situación dos traballos de retirada das estruturas metálicas que sostiñan o tendido eléctrico, que dependen de Unión Fenosa Distribución". Varela comprobou que xa foran tombadas sobre o terreo, a falta só do seu traslado, polo que certificou que as actuacións de urbanización da área na que se asentaban as torretas, para o que era imprescindible a súa desmontaxe, poden comezar para a semana que vén. "Abordarase agora a obra de movemento de terras, a instalación de canalización e pavimentación que estará lista antes do 31 de xullo, en cumprimento da folla de ruta que marcamos no mes de abril", apunta Varela.
O concelleiro lembra que, de maneira paralela a estes traballos, os e as cooperativistas deben avanzar coa compañía a provisión de servizo para ter a conexión coa rede de distribución, unha condición necesaria para que o Concello poida outorgar as primeiras licenzas de primeira ocupación a partir da fin de xullo. Varela explicou que nesta xuntanza tamén se abordou o estado de diferentes requirimentos feitos ás cooperativas para a subsanación de deficiencias nas edificacións e no espazo público, uns arranxos que tamén é preciso solucionar para poder conceder as licencias de primeira ocupación.
"Despois de 27 anos, e un traballo comprometido nestes últimos tres anos, estamos a piques de saír desde túnel no que o Parque Ofimático estivo metido case tres décadas", apunta o concelleiro.