Igualdade e Diversidade

O Concello amplía o novo servizo municipal de canguraxe

A responsable de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, asinou onte un convenio coa Deputación provincial para financiar as actividades do programa ‘Concilia os teus tempos 2017’

O Concello amplía o novo servizo municipal de canguraxe
Canguraxe
Canguraxe

Concello da Coruña | 10/04/2018

O Concello da Coruña e a Deputación provincial veñen de referendar, un ano máis, a súa aposta pola conciliación da veciñanza e a aposta pola igualdade efectiva entre mulleres e homes. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e a deputada de Benestar Social, Ánxela Franco, asinaron esta mañá o convenio que establece o marco de colaboración entre as dúas administracións para financiar o desenvolvemento das actividades incluídas no programa Concilia os teus tempos 2017, o servizo de atención á infancia para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal do ano pasado. Trátase dunha iniciativa dirixida a unidades familiares con menores a cargo que teñen necesidades de conciliación nos ámbitos da vida persoal, familiar e laboral. Coa sinatura desta mañá, o ente provincial comprométese a financiar con 80.000 euros unha parte do programa municipal, o que representa o 34,15% do orzamento total da proposta muncipal presentada, que ascende a 234.317,70 euros.

Pola súa banda, o executivo coruñés asume o restante investimento do programa que, tal e como apunta Rocío Fraga, este ano se renovará a través de dous novos contratos "que xa contan coa adxudicación provisional, e entrarán en marcha canto antes". Os novos contratos, que cubren respectivamente as modalidades de canguraxe a domicilio e canguraxe nos espazos de atención á infancia e ludotecas municipais no concello coruñés, suman un importe total anual adxudicado de 255.449 euros, e terán unha duración de dous anos prorrogables por outros dous máis. Fronte aos contratos anteriores, tal e como apuntou Fraga, os novos supoñen "unha maior dotación económica para atender un maior número de horas --7.886 en total-- nos espazos existentes cunha ampliación de horario nos centros". Así, ofreceranse ata 3.600 horas ao ano para a modalidade a domicilio;  aumentarase a súa presenza no número de equipamentos --incorpórase un novo espazo no centro cívico de Palavea-; renovarase a totalidade de xogos e materiais-- cunha dotación anual de 9.000 euros ao ano--; inclúense 200 horas por ano para necesidades de conciliación da veciñanza para a asistencia a actos e eventos culturais, deportivos e similares organizados polo Concello; e súmanse 400 horas por ano para a atención de necesidades de conciliación específicas que precisen as mulleres vítimas de violencia de xénero ou outras persoas en situacións de risco ou exclusión social, cunha atención máis persoalizada.

"Con estas melloras ofrecerase unha maior atención tanto no termo municipal como na área metropolitana, así como para as persoas que traballan na nosa cidade", sinalou a concelleira. A responsable municipal de Igualdade sinalou tamén que, a través dos novos pregos, "mélloranse as condicións laborais do cadro de persoal na medida na que a lexislación así o permite". "O servizo de canguraxe é un programa imprescindible sempre que, desde as institucións, consigamos que chegue a máis mulleres co obxectivo de acadar unha igualdade efectiva, á vez que as súas traballadoras teñan unhas condicións laborais dignas", aseverou Fraga. A este respecto, agradeceu a colaboración da Deputación, "unha administración comprometida coa igualdade e que achega financiamento a outras propostas municipais como é a Rede de Acollida". Pola súa banda, a deputada Ánxela Franco salientou a oportunidade que supón a canguraxe "para mellorar a calidade de vida de moitas mulleres, as nosas veciñas". "A aposta por convenios coma este son a mellor forma de mostrar con feitos o compromiso real das administracións que falan e poñen en marcha políticas efectivas de Igualdade". "Cando se quere, pódese e débese", apuntou.

En relación ao programa Concilia os teus tempos 2017, que se desenvolveu entre o 2 de xaneiro e o 29 de decembro de 2017, o exectivo coruñés destinou 192.000 euros para o desenvolvemento do programa de canguraxe municipal nas súas dúas modalidades --domicilio e nos espazos de atención á infancia--. Ademais, investíronse 42.314,70 euros en gastos de persoal do programa, a través dunha técnica de apoio social.

O Concello amplía o novo servizo municipal de canguraxe