Culturas

O Concello aposta pola consolidación da Coruña este 2019 “como cidade de referencia na produción audiovisual”

O concelleiro de Culturas sinalou como “exitosa” a posta en marcha da Oficina de Cooperación Audiovisual, que asesorou a 40 proxectos desde o verán, e avanzou que A Coruña será unha das sedes dos premios europeos de cinema dedicado ao público xuvenil

O Concello aposta pola consolidación da Coruña este 2019 “como cidade de referencia na produción audiovisual”
20190123_SANDE_ACADEMIA_GALEGA_DO_AUDIOVISUAL_000
Sande, Academia Galega do Audiovisual

A Coruña, 23 de xaneiro de 2019.- O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, subliñou esta mañá a posición da Coruña “como referente” na produción audiovisual, que enmarcou no compromiso goberno municipal “por favorecer o desenvolvemento de iniciativas de carácter pioneiro na cidade da man do propio sector”, a través de propostas como a creación da Oficina de Cooperación Audiovisual (ACO). O edil fixo esta mañá balance dos primeiros meses de actividade da Oficina, posta en marcha no verán de 2018 polo executivo local en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual (AGA), e que naceu como unha rede profesional que ten como obxectivo potenciar o sector a través da colaboración e cooperación entre axentes do sector. A sede física da ACO atópase, ao igual que a da AGA, no centro Ágora, “un equipamento que, dadas as singularidades do espazo, é idóneo para favorecer a acción conxunta coa academia”, salientou Sande. A este respecto, o centro da Agra do Orzán acollerá o 7 de febreiro o acto de lectura da lista de finalistas dos premios Mestre Mateo, que se celebrarán o 2 de marzo no Pazo da Ópera. “Cremos que esta é unha colaboración moi frutífera non só para o sector, senón para a propia cidade. As rodaxes e a presenza do audiovisual na Coruña teñen unha especial incidencia no desenvolvemento cultural e artístico, ademais de económico e turístico”, apuntou o concelleiro.

O responsable de Culturas subliñou que desde a súa apertura, a Oficina de Cooperación, que ofrece información sobre localizacións, trámites e permisos necesarios de cara a facilitar a realización de rodaxes de proxectos audiovisuais no municipio, atendeu, asesorou e apoiou a un total de 40 proxectos “tanto no seu proceso creativo como en cuestións vinculadas ao financiamento, procura de localizacións para filmar na Coruña ou mesmo no deseño de estratexias de difusión”. “A ACO é unha iniciativa exitosa e sen dúbida moi necesaria para a consolidación do sector audiovisual galego”, aseverou o edil, quen advertiu de que, na páxina web www.aco.gal, pódese consultar o Manual de Rodaxe específico do termo municipal, unha base de datos de localizacións ou un directorio de empresas do sector de toda Galicia, entre outras cuestións. De cara ao presente exercicio, ACO abrirá, entre o 1 de febreiro e o 31 de maio, un novo prazo de recepción de proxectos en desenvolvemento --vinculados ao cinema, televisión, narrativas interactivas, transmedia e videoxogos-- ou en produción avanzada para o seu asesoramento.

O titular da área de Culturas, Deporte e Coñecemento estivo acompañado na rolda polo presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares, quen deu a coñecer o programa de actividades que a AGA porá en marcha nas vindeiras semanas coa colaboración do Concello. “O ano pasado este traballo en común deu lugar até 51 actividades diferentes e a maioría delas tiveron lugar na cidade” aseverou Ares. Para este 2019, a AGA proxecta a realización do obradoiro Cineclube: novos programadores de cinema galego, que nace co obxectivo de favorecer a creación de novos públicos --de entre 12 e 18 anos, ou máis de 55 anos-- a través do cinema feito en Galicia. Este taller, impartido por Marcos Nine e Jorge Rivero, desenvolverase no marco do programa de Lecer do Centro Ágora, e as inscricións para o mesmo poderanse formular esta semana, os días 24 e 25, a través do web www.coruna.gal/cultura ou de xeito presencial no equipamento da Agra do Orzán.

Ademais deste taller, a AGA prevé organizar na Coruña, co apoio do Concello, o Young Audience Award da Academia Europea de Cinema (EFA). Así, tal e como avanzou Ares, Galicia será, por primeira vez, sede deste galardón, que recoñece as tres mellores películas do ano para o público de entre 12 e 14 anos. Así un xurado conformado por rapazas e rapaces do alumnado de centros de ensino de Galicia, poderán participar, co seu voto, na selección da mellor película europea xuvenil do ano, unha votación que sucederá en 50 cidades de 35 países de xeito simultaneo. A cerimonia de entrega terá lugar o 5 de maio en Erfur (Alemania). Todas as mozas e mozos que teñan interese en participar nesta iniciativa, poden formular a súa inscrición a través do web www.academiagalegadoaudiovisual.gal

O Concello aposta pola consolidación da Coruña este 2019 “como cidade de referencia na produción audiovisual”