Participación cidadá

O Concello convoca unha reunión informativa sobre os usos e xestión das Naves do Metrosidero

A xuntanza está prevista para hoxe martes, 13 de marzo ás 19.30 horas, no centro cívico da Cidade Vella

O Concello convoca unha reunión informativa sobre os usos e xestión das Naves do Metrosidero
Metrosidero_Ficción
Metrosidero Ficción

Concello da Coruña | 9/03/2018

A Concellería de Participación e Innovación Democrática convoca unha reunión aberta a colectivos de mocidade e cidadanía para informar do proceso participativo no que se deseñará tanto o modelo de xestión como o de usos das Naves do Metrosidero. A xuntanza está prevista para o martes 13 de marzo, ás 19.30 horas no centro cívico da Cidade Vella. Como avanza a concelleira desta área, Claudia Delso, un dos obxectivos do encontro é constituir un grupo estable que de continuidade ao proceso colectivo de deseño do proxecto, que se levará a cabo entre técnicos municipais, entidades, colectivos informais, organizacións e persoas interesadas. O Concello da Coruña presentou o pasado mes de xaneiro a proposta municipal para o espazo, unha nova infraestrutura de barrio e de cidade, pero tamén de carácter metropolitano, que estará destinada á mocidade, así como o marco no que se deberá definir o proxecto, xa que debe atender ao interese xeral, ser inclusivo ou cumprir coa normativa vixente e ser  administrativamente e económicamente viable, entre outros.

Para que este proceso sexa aberto e participativo están previstas reunións mensuais, nas que os e as técnicos municipais traballarán coa cidadanía e persoas que poidan achegar a súa experiencia, información e coñecemento en experiencias de co-xestión e autoxestión. O proceso concluirá cun documento que recolla a proposta de usos e o plan de xestión do edificio.

O Concello convoca unha reunión informativa sobre os usos e xestión das Naves do Metrosidero