O Concello da Coruña salda unha débeda histórica coa lingua
“Hoxe cúmprese unha parte do acordo de investidura, un acordo que asinamos coa finalidade de lle ser útil á cidadanía da Coruña. Hoxe corriximos, pois, unha anomalía: A Coruña vai deixar de ser a única das 7 grandes cidades do País que non tiña ningún tipo de regulación municipal específica para a lingua galega”, dixo Avia Veira, concelleira do BNG, no pleno municipal de onte xoves en María Pita.
O pleno acordou dotarse dunha ordenanza sobre o uso do galego no Concello da Coruña. Todos os grupos, agás o PP, votaron a favor da iniciativa do BNG, que pulou por facer efectiva unha demanda histórica das nacionalistas e fixo valer o compromiso de Inés Rey hai dezaoito meses cando o Bloque apoiou á investidura da alcaldesa socialista.
A ordenanza supón un paso máis na normalización lingüística da institución e establecerá o marco regulador do emprego do galego na administración local coruñesa.
O acordo non foi unánime, porque o PP xustificou a súa abstención nos reparos do secretario municipal, quen sinalou que non existiu unha consulta previa á cidadanía para a elaboración da ordenanza. Tamén Marea Atlántica cuestionou as garantías xurídicas do procedemento, mais apoiou o acordo.
“Hoxe é un día verdadeiramente emocionante. Hoxe corriximos un déficit histórico do Concello da Coruña co galego”, dixo a concelleira nacionalista Avia Veira na súa intervención. Déficit institucional dos últimos 40 anos, que non social, “xa que a sociedade coruñesa quere o galego, fala o galego, e a historia da nosa cidade está ben ligada a fitos importantísimos da nosa lingua, tal e como se expón no limiar desta ordenanza”, remarcou.
O BNG subliñou nunha nota de prensa posterior que a ordenanza significa “unha garantía da presenza do galego nas campañas publicitarias, nas publicacións, nas compras de bens e materiais, na contratación de servizos, na sinalización e rotulación, na formación do persoal, no respecto da toponimia e nomes das rúas”.
Á conclusión do debate, e durante un receso do pleno, Avia Veira e Francisco Jorquera (portavoz municipal do BNG) uníronse a unha concentración convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística na Praza de María Pita para festexar o fito. Entre as asistentes estaban as ex concelleiras do BNG Ermitas Valencia e María Xosé Bravo, ben como o secretario de Organización do Bloque na Coruña, Fran Rei.
O BNG tamén quixo deixar constancia do labor desenvolvido por outros militantes nacionalistas ao longo destes anos. Así, Veira lembrou a María do Pilar García Negro e Xosé Manuel Carril, Antón Laxe, asesor na etapa de Valencia como concelleira, e a “quen daquela era a única técnica de normalización lingüística”, Nuria Seoane.