Participación

O Concello formaliza a cesión de uso dos espazos do antigo cárcere provincial para desenvolver proxectos de dinamización cultural

A concelleira de Participación, Claudia Delso, asinou esta mañá un convenio con Proxecto Cárcere polo que a entidade xestionará as actividades puntuais que se desenvolverán nas zonas habilitadas do penal e que estarán suxeitas a unha comunicación previa

O Concello formaliza a cesión de uso dos espazos do antigo cárcere provincial para desenvolver proxectos de dinamización cultural
A concelleira de Participación, Claudia Delso, con representantes da entidade Proxecto Cárcere
A concelleira de Participación, Claudia Delso, con representantes da entidade Proxecto Cárcere

Concello da Coruña | 07/06/2018

O Concello da Coruña, a través da concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, formalizou esta mañá coa entidade sen ánimo de lucro Proxecto Cárcere a cesión de uso dos espazos do antigo cárcere provincial para o desenvolvemento de proxectos de dinamización cultural e sociocultural. A responsable municipal salientou que se trata "dun día especialmente simbólico, xa que esta sinatura tradúcese na devolución á cidadanía dun espazo histórico". "Esta xornada non só damos cumprimento a un dos nosos compromisos programáticos como goberno local, senón que damos resposta a unha demanda histórica da cidadanía", sinalou.

A concelleira recordou que a sinatura deste convenio con Proxecto Cárcere --que resultou adxudicataria do procedemento administrativo, mediante concorrencia competitiva, para a cesión de usos dos espazos do antigo cárcere provincial da Coruña-- foi posible grazas ao acordo de colaboración ao que o Concello da Coruña estableceu coa Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios (SIEP), ente dependente do Ministerio de Interior e que, neste momento, segue a ter a titularidade deste espazo. Así mesmo, a titular de Participación puxo de manifesto o traballo desenvolvido sobre o inmoble pola área municipal de Rexeneración Urbana, dirixida por Xiao Varela, para poder dotar de accesibilidade e seguridade ao edificio. En concreto, e sobre este feito, Delso manifestou que "a situación que presentaba o inmoble, peor da que advertían as primeiras análises, fixo que Proxecto Cárcere tivese que readaptar o seu proxecto aos espazos que finalmente quedaron habilitados neste momento".

Á falta dunhas actuacións menores, as obras acometidas no cárcere contemplan a posta en servizo do acceso, así como o vestíbulo (que suman uns 100 metros cadrados) e algunha sala anexa ao mesmo.

En concreto, en febreiro deste ano, a dirección da obra elaborou un informe no que se especificaban polo miúdo as actuacións executadas, así como o estado do inmoble logo da súa finalización. Posteriormente, en abril, o servizo municipal de Edificación emitiu un informe sobre a compatibilidade da proposta de usos formulada por Proxecto Cárcere co estado do edificio. Este documento sinala que, en tanto que non se realice o proxecto de rehabilitación necesario no inmoble (que neste momento non é titularidade do Concello) e en vista das obras levadas a cabo, o antigo cárcere provincial poderá acoller actividades puntuais ou esporádicas, suxeitas a un réxime de comunicación previa. "Por agora, as actividades que se poderán desenvolver serán aquelas que sexan completamente seguras, algo fundamental á hora de abrir este espazo á cidade. Todo isto, por suposto, sen prexuízo de que o resto de actividades se poidan levar a cabo en fases posteriores, a medida que as obras de intervención sobre o edificio e as condicións de seguridade do mesmo o permitan", explicou.

Delso reivindicou "o traballo feito tanto polo goberno local, como por entidades sociais e outras formacións políticas dende hai xa moitos anos para chegar ao punto de poder devolver á veciñanza este lugar, patrimonio de toda a cidadanía". Ao fío, a concelleira recordou a necesidade, explicitada nos pregos da convocatoria pública para adxudicar a xestión do cárcere, de que entre as actividades socioculturais que se programen destaquen aquelas relacionadas con ámbito da memoria histórica, ante o particular simbolismo do lugar.

Unha vez formalizada a cesión, e executadas as últimas actuacións menores, Proxecto Cárcere poderá comezar a realizar xa actividades na antiga prisión previa comunicación. De xeito paralelo tamén se iniciará o proceso para constituír unha comisión entre Concello e Proxecto Cárcere encargada de facer seguimento das accións levadas a cabo. "Hoxe demos un gran paso a pesar de todas as voces en contra que trataron de poñer paus na roda dun proceso que culmina coa devolución á cidadanía dun ben histórico, que leva décadas demandando", concluíu Delso. "O que estamos a facer, abrir este espazo histórico á xente do común, non é outra cousa que un acto de xustiza", dixo.

O Concello formaliza a cesión de uso dos espazos do antigo cárcere provincial para desenvolver proxectos de dinamización cultural