BNG | nota de prensa
O Concello inicia a elaboración dun plan de choque contra o coronavirus a instancias do BNG
A Coruña, a 7 de abril de 2020.-
A decisión de dar os primeiros pasos para o Concello se dotar dun plan de choque foi adoptada na Xunta de Portavoces reunida este martes no Palacio de María Pita. A partir da proposta do BNG, feita en reunións anteriores deste órgano, o Goberno Local consensuou cos distintos grupos municipais facer un exame previo do impacto da crise nos ingresos municipais e ao tempo avaliar que partidas orzamentarias son susceptíbeis de seren aprazadas para o exercicio 2021 e cales outras poden ser eventualmente reforzadas para atender as necesidades dos colectivos sociais máis vulnerábeis, en primeira instancia, mais tamén para comezar a pór as bases da reactivación económica.
Por outra banda, e tamén froito dunha suxestión realizada polo BNG, o Concello forneceu de máscaras aos traballadores do servizo de limpeza viaria, operarios que varren as rúas da cidade e que valeiran as papeleiras, persoal moi exposto no seu labor e que até hai ben pouco carecían destes elementos de protección.