Desaloxo da Insumisa
O Concello inicia o procedemento de recuperación dos terreos de dominio público da Comandancia de Obras
O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, explica que este “é un trámite debido, que deriva da incorporación ao patrimonio municipal o pasado mes de terreos no ámbito da Maestranza que estaban en mans de Defensa”
O Concello iniciará hoxe o procedemento para recuperar a posesión da parcela de titularidade municipal e dominio público das Naves do Metrosidero coa fin de acometer as obras previstas e converter o espazo nun novo equipamento municipal destinado á mocidade da cidade e da área metropolitana. Este procedemento será aprobado hoxe en Xunta de Goberno Local e deriva da incorporación ao patrimonio municipal, o pasado xaneiro, duns 90.000 metros cadrados de solo no ámbito da Maestranza, correspondentes con 17 parcelas incluídas no convenio urbanístico que o Concello da Coruña firmou en 1984 coa, entón, Xerencia de Infraestruturas do Ministerio de Defensa. A principio de ano, o executivo local aprobou o acordo de cesión, por parte de Defensa, dos citados terreos á administración local, entre os que se atopan os situados na Comandancia de Obras e, até ese intre, titularidade do Instituto de Vivenda, Infraestruturas e Equipamento da Defensa (INVIED).
Na Xunta de Goberno Local que se celebrará hoxe está previsto aprobar a incoación do procedemento de recuperación da parcela e notificar ese acordo ás persoas que actualmente están a desenvolver actividades na mesma. Unha vez sexan informadas, terán un prazo de 10 días para presentar alegacións ou os documentos que estimen oportunos. A potestade de recuperación posesoria non é facultativa xa que, segundo a legalidade vixente, o seu exercicio é obrigatorio; aínda máis cando se trata da execución dunha obra que ten como destino a posta en marcha dunha dotación pública conforme ao planeamento urbanístico e que non pode levarse a cabo sen ter a plena dispoñibilidade do ben.
A este respecto, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, indica que a actuación que se inicia "é coherente coa pretensión do goberno local de poñer a disposición de toda a cidadanía un novo equipamento público centrado na mocidade", e insiste na vontade do goberno local de "seguir dialogando coas persoas que neste momento fan uso deste espazo co obxectivo de que se sumen ao proceso que ten en marcha o Concello e que pasa por definir, de forma participada, os usos e o modo de xestión deste espazo municipal". "O Concello mantivo, mantén e manterá a súa vontade de diálogo cos veciños e veciñas que neste momento están a facer uso deste terreo, cremos que é importante que formen parte deste proceso inclusivo de construción colectiva na que estamos abertos a todas as persoas e a todas as ideas", insistiu.
Os acordos acadados polo executivo municipal serán trasladados ao servizo de Rehabilitación e Vivenda do Concello, co obxectivo de poder iniciar, canto antes, o proceso que derive no acondicionamento deste espazo.