Para a reforma da fachada do estadio de Riazor, a posta en marcha do seu museo e para potenciar o fútbol feminino
O Concello ofrece a súa máxima colaboración ao Deportivo
A alcaldesa, Inés Rey, mantivo esta mañá unha reunión co presidente do Real Club Deportivo, Francisco Martínez Zas, e a súa directiva, aos que lles ofreceu a súa máxima colaboración e disposición para lograr que o clube poida regresar á primeira división o próximo ano, xa que resulta de vital importancia para a marca da cidade contar cun representante na máxima categoría do fútbol nacional.
A alcaldesa expresou o seu compromiso de colaborar nas obras de reforma da fachada do estadio de Riazor, na posta en marcha do futuro museo do Deportivo e de potenciar o fútbol feminino. Para a rexedora, o equipo feminino, que xoga este ano a liga Iberdrola, debe ter a mesma relevancia e presenza que o masculino. "Confío en que o Deportivo feminino xogue este ano en Riazor", apuntou. Neste sentido, o presidente do Deportivo confirmou que existe o compromiso do clube de que o equipo de feminino xogue algúns partidos na Coruña, en lugar de facelo nos campos de Abegondo.
Rey sinalou que o impulso do deporte feminino terá unha gran relevancia no seu mandato. "Non só o deporte feminino, senón o inclusivo", dixo o tempo que incidiu na necesidade de facer melloras nas instalacións para facilitar a acessibilidade de todos os colectivos.
Ademais, a rexedora anunciou que estes días iniciaranse unhas obras no interior do estadio para reparar os danos causados pola reforma da cuberta. "Todo estará listo para a celebración do Trofeo Teresa Herrera", dixo. Nesta liña de diálogo, perfiláronse os actos do 75 aniversario do estadio de Riazor que terán lugar este outono.
Con esta primeira reunión ábrese un novo escenario de colaboración e diálogo entre ambas as institucións. A intención do goberno, dixo a rexidora, é non esgotar os prazos do convenio en vigor que finaliza no 2025, e comezar a traballar no futuro convenio entre Concello e Deportivo. Un convenio, explicou, que recollerá as futuras obras de remodelación da fachada do Estadio.
Rey destacou que o Deportivo é un símbolo da cidade e que supón un gran impulso non só no aspecto deportivo, senón tamén no aspecto económico e turístico. "O Deportivo é patrimonio de todos os coruñeses e un elemento moi importante na proxección da cidade", apuntou.
A rexedora e o responsable do clube ratificaron o seu desexo de ter un diálogo fluido e de manter o impulso ao deporte base, ademais de concretar outras cuestións relacionadas coa imaxe de cidade xa que, como sinalou o presidente do Deportivo, "o Deportivo é A Coruña e A Coruña é o Deportivo".