Medio Ambiente

O Concello solicitará protección ambiental para a contorna da Torre

Aprobada por unanimidade unha declaración de condena aos actos contra a exposición da historia do sindicalismo na Palloza.

O Concello solicitará protección ambiental para a contorna da Torre
Pleno no Concello o 5 de xuño. Imaxe difundida polo Concello.
Pleno no Concello o 5 de xuño. Imaxe difundida polo Concello.

Onte, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, nun pleno ordinario a corporación municipal decidiu solicitar á Xunta de Galicia a declaración do entorno da Torre de Hércules e Punta Herminia como Espazo Natural de Interese Local (ENIL). A proposta do grupo de Goberno local, que foi aprobada por unanimidade, reclama medidas específicas de protección para a zona polo seu valor ambiental. A concelleira de Medio Ambiente, María García, sinalou ademais que o Goberno ten a intención de elaborar un Plan Municipal de Manexo e Conservación deste espazo. Coruña solicitara en xaneiro a protección como ENIL das Illas de San Pedro.

"A forza necesaria" chegará aos barrios

A petición do BNG dunha condena por parte do Concello dos actos vandálicos na praza da Palloza contra a exposición A forza necesaria saiu adiante aprobada por unanimidade. No texto da iniciativa, ínstase ao Goberno local "a levar a citada exposición aos barrios da cidade, centros cívicos, universidade, centros de ensino ou institucións que o soliciten". O BNG lembra na exposición de motivos que este non foi o primeiro ataque "de nostálxicos do franquismo" xa que hai uns meses o Ateneo Xosé Tarrío, nos Mallos, tamén sufriu un ataque semellante.

Multas da ORA e baixos para usos culturais en Novo Mesoiro

O pleno deu luz verde tamén á ordenanza da ORA, o que posibilitará a anulación automática de denuncias mediante o abono dun recargo. Segundo explica o Goberno nunha nota de prensa, o cambio  "permite aos e ás usuarias denunciadas por non pagar ou ter de forma correcta o ticket da ORA anular a mesma se abonan un recargo que vai dos 1,5 aos 6 euros evitando o pago de sancións maiores".

Ademais, onte foron aprobados cambios nos usos de baixos baleiros en Novo Mesoiro, atendendo a un proceso participativo que se fixo no barrio. Estes espazos poderían acoller nun futuro "actividades relacionadas con música, teatro, danza, formación para adultos, obradoiros, talleres de robótica ou actividades de lecer", indica o Goberno municipal.


Máis información: 

A CRMH aprecia nostalxia do franquismo nas críticas do PP á exposición sobre o movemento obreiro na Coruña.

Condena dos actos vandálicos perpetrados na exposición sobre a historia do sindicalismo


 

O Concello solicitará protección ambiental para a contorna da Torre