Coruña sostible
O Concello supervisa o incremento nos medios para a reparación de camións do servizo de recollida de residuos por parte da empresa
A Concellería de Medio Ambiente mantivo hoxe unha nova reunión con Ferrovial Servicios, que se comprometeu a manter estes reforzos, e na que tamén se lle esixiu a máxima celeridade no restablecemento do servizo en condicións
A Coruña, 29 de xaneiro de 2019.- A Concellería de Medio Ambiente mantén a supervisión da empresa que presta o servizo de recollida de residuos, á que lle esixiu nunha nova reunión mantida este mediodía a máxima celeridade no restablecemento do servizo con todas as garantías. O departamento municipal, que prosegue cos controis a través de efectivos de inspección municipais no centro de traballo do servizo, constatou o incremento dos medios para a reparación mecánica dos vehículos de recollida, que consisten en dúas persoas para reforzar o mantemento in situ e o acordo con catro servizos técnicos da comarca, uns reforzos que se manterán ata o final da prestación, tal e como se comprometeu a empresa.
O Goberno local, que considera inadmisible a situación vivida nas últimas xornadas, iniciou tamén a pasada noite o seu Plan Especial de Inspección dos vehículos, que facilitará un balance externo e independente da situación dos mesmos, así como o cumprimento das condicións técnicas, mecánicas, eléctricas e de seguridade dos vehículos. Nunha nova reunión mantida este mediodía coa empresa concesionaria, o director rexional de Ferrovial Servicios, trasladou ao Goberno local tanto o seu compromiso de manter o reforzo nos medios como un balance da situación dos vehículos, nos que, dixo, xa se acometeron reparacións suficientes para permitir unha maior saída de camións de recollida na quenda desta noite. Neste sentido, os equipos técnicos municipais comprobaron tamén que as quendas ordinarias diúrnas – que comprenden a recollida nos cemiterios e áreas periféricas, a recollida porta a porta de papel e cartón na zona centros e nos centros colaboradores e a recollida en Pocomaco– puideron realizarse con normalidade xa na xornada de hoxe. Ademais, tres camións efectuaron traballos de reforzo nas áreas de Sagrada Familia e Os Castros.
A Concellería de Medio Ambiente lembra que non aboará os servizos non realizados de limpeza viaria e recollida do lixo á empresa e que Goberno local está a estudar posibles sancións polo non cumprimento do servizo.