BNG | nota de prensa
A Coruña como a cidade galega con maior desigualdade social, tema dunha pregunta do BNG ao goberno local no próximo pleno
A pregunta vaina facer Avia Veira no Pleno do vindeiro xoves 8X. A edil nacionalista confésase moi “preocupada” após se coñecer datos que sinalan a nosa cidade como a urbe galega con maior desigualdade social.
A Coruña, a 30 de xuño de 2021.- “Camiñamos cara a unha sociedade con cada vez máis desigualdade social, un fenómeno que ten moito a ver con como se resolveu, ou non se resolveu, a crise de 2008 e que infelizmente se está a ver agudizado coa actual crise derivada da Covid-19”, considera Veira.
Non é esta a primeira vez que o BNG leva ao Pleno a política do Goberno Local en materia social. “Ímonos interesar sobre as medidas en concreto que o Goberno Local ten pensado despregar para ir diminuíndo esa desigualdade. Somos conscientes de que o Concello non é o titular de todas as competencias e de que cumpre tamén interpelar a outras administracións, mais á vez poremos sobre a mesa as nosas propostas e alternativas”, avanza.
Propostas como “a necesidade de a cidade se dotar dun Plan de Inclusión Social” ou a demanda de que se doten con máis recursos “as axudas de emerxencia e a renda social municipal”. Alén do máis, Veira porá en destaque que A Coruña “precisa dunha boa diagnose sobre o problema da desigualdade social. Sen ela non se poden impulsar políticas adecuadas”.
Remarca a concelleira nacionalista que desde o Goberno Local se pode combater a falta de equidade social “desde os servizos sociais, máis tamén desde as políticas de Urbanismo, Vivenda e até Deporte”.
“O asunto é que a loita contra a desigualdade ten que ser unha das prioridades da acción do Goberno Local”, conclúe.