Sequía
Emalcsa e Augas de Galicia acordan preparar o bombeo puntual de auga de Meirama para facerlle fronte á seca
Empregaranse bombas portátiles para encher o caudal do río Barcés e conseguir que as reservas do encoro de Cecebre deixen de baixar. Nos vindeiros días, persoal técnico de Emalcsa desprazarase a Meirama para axustar o proxecto sobre o terreo.
A Empresa Municipal de Augas de A Coruña (Emalcsa) e Aguas de Galicia acordaron hoxe darlle luz verde ao bombeo puntual de auga do lago de Meirama ao encoro de Cecebre, a través do rego do río Barcés. O plan para facerlle fronte á situación de seca que estamos a vivir foi aprobado hoxe nunha xuntanza técnica celebrada na Coruña.
Este proxecto consiste na instalación de bombas portátiles, para salvar o desnivel entre o lago e o río, de xeito puntual e mentres dure a alerta por seca. Nos vindeiros días, persoal técnico de Emalcsa desprazarase a Meirama para axustar o plan sobre o terreo.
A intención non é volver encher as reservas de Cecebre, que se atopan no 36%, senón impedir que sigan a baleirarse. Desde xeito, bombearase desde Meirama o necesario para que entre no encoro a mesma cantidade de auga que sae. Nestes momentos, o río Barcés eo río Mero deixan uns 700 litros por segundo, e a poboación da área metropolitana da Coruña consume preto de 1.200 litros por segundo. O bombeo desde Meirama permitiría equilibrar esa diferenza.
Máis de 500.000 analíticas garanten a calidade da auga
A Universidade da Coruña, a través do Grupo de Enxeñería da Auga e o Medio Ambiente (GEAMA) leva realizadas máis de medio millón de analíticas das augas da lagoa de Meirama, desde o ano 2008, que confirman que a súa calidade é apta para o consumo. E continúan a realizarse diariamente. As garantías completaranse co tratamento da auga na estación depuradora da Telva.
Nesta fase só se empregaría a capa superficial do lago. É dicir, dos máis 200 metros de profundidade que existen, só se bombearían os oito primeiros, constantemente renovados polo caudal do río Barcés.
Neste contexto, Emalcsa fai un chamamento á cidadanía para que axude a superar a situación de seca, por medio do consumo responsable. Tal e como sinalaron os Concellos da área metropolitana na última xuntanza da Mesa da Auga, é necesario contar coa colaboración de todo o mundo para aproveitar ao máximo as reservas dispoñibles.