Francisco Jorquera reúne a un grupo de expertos e persoas afectadas pola especulación coa vivenda
“Faremos pivotar a nosa política de vivenda sobre a rehabilitación para aumentar o parque e intervir sobre o prezo do alugueiro”
Francisco Jorquera reúne a un grupo de expertos e persoas afectadas pola especulación coa vivenda e asegura que para o BNG da Coruña garantir o dereito a vivenda é prioritario.
A Coruña, 28 de febreiro.- “É preciso intervir no mercado, como quedou de manifesto nas intervencións desta mañá, para garantir o dereito das persoas á vivenda. E no BNG pensamos que pode facerse tamén desde os concellos, incrementando o parque de vivenda pública e regulando o alugueiro a través de mecanismos como as axudas á rehabilitación”, dixo Francisco Jorquera, candidato do BNG á Alcaldía da Coruña, despois dun encontro con expertos e persoas afectadas pola especulación urbanística, no que tamén participaron a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a concelleira Avia Veira.
Jorquera lembrou que o BNG levará no seu programa a creación dun banco de vivendas para o alugueiro xunto ao incremento dos recursos para a rehabilitación de vivendas destinadas a este fin, mecanismo a través do cal poderíase intervir sobre os prezos.
Precisamente a cuestión da rehabilitación xurdiu no encontro previo como unha oportunidade, ademais dunha necesidade. Foi o economista Marcelino Fernández Mallo que achegou un dato revelador. “No período 2002-2018, na provincia da Coruña construíronse 128.000 vivendas mentres a poboación apenas aumentou en 24.000 persoas. É dicir, construíronse vivendas para 380.000 persoas máis...”. O economista advertiu que en cidades nas que a poboación non aumenta ou aumenta lentamente as políticas “intelixentes” son as de rehabilitación.
Os arquitectos Xosé Lois Martínez e Xan Casabella coincidiron en que, malia as limitacións normativas, desde os concellos si se poden levar adiante determinadas políticas que contribúan a mellorar a accesibilidade económica á vivenda. Martínez chamou a atención de que na Coruña só exista, por exemplo, unha residencia pública para estudantes universitarios, que se vén obrigados a recorrer a alugueiros baratos en vivendas ás veces en condicións penosas. Casabella mostrouse partidario dunha decidida intervención pública e dixo: “os concellos non poden nin inhibirse nin ser partícipes da especulación”.
Neste punto, Francisco Jorquera lembrou que no caso da Coruña existe unha empresa pública de vivenda (EMVSA) que non se está utilizando para o que debería ser o seu fin e lembrou que o BNG xa ten avanzado que reformará EMVSA co obxecto de intervir no mercado aumentando a oferta de vivenda e desenvolvendo políticas, como as sinaladas en rehabilitación, que permitan controlar o prezo dos alugueiros.
Os problemas de acceso e as mulleres
Pilar Santiago e Rocío García, que falaron das súas experiencias como persoas afectadas pola especulación urbanística e inmobiliaria, denunciaron o perigo que corren barrios da cidade baixo a presión especulativa e sinalaron o caso de Elviña. O candidato nacionalista subliñou que é un compromiso do BNG desafectar aos veciños implicados no desenvolvemento do Ofimático. Rocío García resaltou ademais que en xeral as dificultades de acceso cébanse especialmente coas mulleres, un colectivo precarizado e que recibe baixas pensións e prestacións sociais. Diante desta situación, a concelleira nacionalista Avia Veira trasladoulle que é vontade do BNG dar prioridade a colectivos excluídos nas políticas de vivenda social.
Pola súa parte, Inma e Rosalía, que acudiron ao encontro en representación de colectivos que fan parte do Grupo de Accesibilidade da Coruña, sinalaron outros tipos de exclusión alén das barreiras económicas.
Inma Tabernero fixo énfase na situación de vivendas de titularidade pública que non están adaptadas para persoas con dificultades auditivas ou con mobilidade reducida. Desde o BNG, a resposta será mellorar tanto as axudas a accesibilidade como garantir que nese futuro banco de vivendas público todas as vivendas estean adaptadas. Neste punto, Francisco Jorquera engadiu outra das propostas do BNG da Coruña para as próximas municipais de maio. As nacionalistas levarán no seu programa o establecemento dun servizo público de intermediación para resolver conflitos como os derivados da demanda de instalación de elevadores.
No remate do encontro, o primeiro dunha serie de xuntanzas sectoriais que o BNG manterá con expertos e colectivos en diversos ámbitos nestes tres meses até as eleccións do 26M, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, recordou que o Bloque está implicado tanto a nivel municipal como a nivel galego e do Estado en promover políticas que garantan o dereito á vivenda e a accesibilidade a todos os colectivos, e coincidiu con Francisco Jorquera ao subliñar que para o BNG as políticas de vivenda son unha prioridade.