O cambio climático na xestión da auga en Galicia
Foro Claridade: Cambio climático: por unha política sustentable na xestión da auga
A Fundación Luís Tilve celebra este xoves, en A Coruña, un Foro de debate con expertos para abordar os problemas que o cambio climático está a xerar na xestión da auga en Galicia
Santiago, 24 de xaneiro de 2018.- A Fundación Luís Tilve celebrará este xoves día 25, ás 19 horas, no Salón de Actos da Delegación Territorial da Fundación ONCE, en A Coruña (R/ Cantón Grande, 3), un foro no que varios expertos na materia debaterán sobre as dificultades que está a xerar e seguirá provocando nun futuro o Cambio Climático en Galicia, especialmente no que se refire a problemática da xestión da auga, así como as posibles solucións a través dunha política sustentable.
O foro contará coas intervencións dos deputados no Congreso Ricardo García Mira (Portavoz do PSOE na Comisión de Estudio del Cambio Climático, membro da Subcomisión para la sequía, coordinador do Grupo de Investigación Persona-Ambiente e especialista en estilos de vida sostible e economía verde en Europa) e Gonzalo Palacín Guarné (Portavoz de Medio Ambiente polo PSOE na Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e relator na lei que aborda os problemas xerados pola seca), acompañados de Juan Carlos Mejuto Fernández (exdecano da Facultade de Ciencias de Ourense e Catedrático de Química-Física da Universidade de Vigo); todos eles moderados por Isabel Lema Blanco (Investigadora do Grupo de Investigación Persona-Ambiente da Universidade da Coruña e experta en procesos de innovación social para a sustentabilidade).
A Fundación Luís Tilve, institución cultural declarada de Interese Galego pola Xunta de Galicia, con máis de 25 anos de historia, presenta nesta ocasión, dentro do programa de debates do seu Foro Claridade, un tema de especial relevancia para a cidadanía galega, que ano tras ano ve como o cambio climático vai transformando a nosa vida diaria e os nosos costumes, como demostraron os problemas de abastecemento de auga nos pasados meses. Unha situación que vai ir aumentando nos próximos anos e para o que é preciso comezar a tomar medidas, con políticas sustentables. Solucións que pretenden poder ofrecerse neste foro.
O acto é aberto a toda a cidadanía e público en xeral ata completar aforo.