Nota de prensa | BNG

O Goberno da Marea Atlántica négalle o acceso ao BNG ao informe de dilixencias emitido pola policía local no que se basea a denuncia ás persoas incoadas polo despexo da Comandancia

Logo de que as nacionalistas pediran acceso a estas dilixencias o Executivo basea esta decisión ao entender que [sic] “non é posíbel xuridicamente porque esas dilixencias forman parte do atestado policial que vai dirixido exclusivamente desde a policía local á autoridade xudicial”

O Goberno da Marea Atlántica négalle o acceso ao BNG ao informe de dilixencias emitido pola policía local no que se basea a denuncia ás persoas incoadas polo despexo da Comandancia
AInsumisa
A Insumisa. Protesta ante os Xulgados

Avia Veira: “Primeiro informouse de que o informe da policía local non identificaba a ningunha persoa. Posteriormente ese informe deu lugar a varias detencións e mesmo a que se persoara en dependencias policiais outra persoa máis. Agora négasenos o acceso ao informe para poder contrastar as afirmacións dadas polo Executivo local na Comisión de Seguridade... o feito en si é que a transparencia da que sempre se oufana o Goberno da Marea Atlántica na práctica non existe”

A Coruña, 29 de xuño de 2018. O Bloque vén de denunciar que o Goberno da Marea Atlántica negoulle o acceso ao informe de dilixencias emitido pola policía local no que se basea a denuncia ás persoas incoadas polo despexo da Comandancia, logo de que a organización nacionalista, mediante escrito presentado a principios desta semana, solicitara o acceso formal ao mesmo.

As nacionalistas xa teñen manifestado publicamente que o operativo policial e xudicial contra as persoas que se concentraron diante do CSO A Insumisa o día 23 de maio é absolutamente desproporcionado e que só procura criminalizar a participación e o activismo social, polo que solicitaron o acceso a este informe precisamente para contrastar os datos dados na Comisión de Seguridade celebrada hai dúas semanas, así como nas comparecencias públicas, tanto da concelleira delegada na materia Rocío Fraga, como do propio alcalde Xulio Ferreiro, que en todo momento desvinculan a súa responsabilidade aos acontecementos daquel despexo.

Porén, e segundo a propia notificación remitida pola Alcaldía, esta denegación fundamentase xa que logo [sic] “non é posíbel xuridicamente porque esas dilixencias forman parte do atestado policial que vai dirixido exclusivamente desde a policía local á autoridade xudicial”, desestimándose así a solicitude do Bloque, e impedindo o acceso á información que se recolle neste informe policial.

Para o BNG resulta paradoxal que a policía local, que está baixo o mando e supervisión do Executivo local, poida emitir un informe e que este non poida ser consultado co obxecto de dar veracidade ás informacións que se transmiten nas reunións, mais tendo en conta que esta reunión, a da Comisión de Seguridade tratou como asunto único o despexo da Comandancia, e as dilixencias son parte fundamental do tratado nesa reunión. 

Asemade, conclúen as nacionalistas, a descoordinación, a falta de directrices claras e concisas desde as e os responsábeis políticos e a falta de planificación e deseño do operativo seguen sen ser asumidas por alguén no Goberno municipal, mesmo cando xa foi máis que evidente que as explicacións que se están dando son constantemente contraditorias dependendo de quen as faga ou cando as faga.

“Primeiro informouse de que o informe da policía local non identificaba a ningunha persoa. Posteriormente ese informe deu lugar a varias detencións e mesmo a que se persoara en dependencias policiais outra persoa máis. Agora négasenos o acceso ao informe para poder contrastar as afirmacións dadas polo Executivo local na Comisión de Seguridade... o feito en si é que a transparencia da que sempre se oufana o Goberno da Marea Atlántica na práctica non existe”, conclúe a portavoz nacionalista Avia Veira.

O Goberno da Marea Atlántica négalle o acceso ao BNG ao informe de dilixencias emitido pola policía local no que se basea a denuncia ás persoas incoadas polo despexo da Comandancia