Mobilidade
O Goberno local avanza cambios nas liñas 21 e 11 do bus urbano
Ademais, o concelleiro sinalou durante a sesión plenaria a necesidade de crear un único transporte metropolitano e reiterou a intención deste Goberno de fomentar unha mobilidade urbana máis sustentable logo da subscrición hai meses da declaración institucional que así o manifesta. Afirmou que non se pode xestionar o transporte atendendo a límites municipais e recordou que o Concello lle suxeriu á Xunta cambiar o novo convenio de cara a crear un único corpo: "Esperamos que cumpra ese compromiso adquirido coa cidade porque iso suporá mellorar o futuro non só do transporte en autobús, senón tamén de fórmulas alternativas de mobilidade na Coruña e na súa área metropolitana". O edil insistiu en que agarda que o Goberno autonómico afronte eses compromisos e dixo non entender a oposición do PP a esta cuestión no Pleno de hoxe.
O edil explicou que, se ben é certo que a pandemia lle asestou un duro impacto ao transporte público, o grande esforzo que están realizando a Compañía de Tranvías e o persoal traballador dos autobuses urbanos e do colectivo de taxis fai que ambos os servizos lles sigan garantindo seguridade e confianza ás persoas que se desprazan nestes medios.
A pesar da caída do 41,6% nas viaxes en bus urbano durante o 2020 debido á crise sanitaria, "acabamos de facer máis accesibles 14 paradas de bus desde a avenida de Gran Canaria a Novo Mesoiro e estamos ultimando os traballos técnicos para modificar a liña 11 e a plataforma reservada para o transporte público en Juan Flórez". A mellora das paradas radica na construción de plataformas seguras que lles permiten ás viaxeiras e viaxeiros subiren e apeárense do bus sen realizaren grandes esforzos. Ampliáronse tamén os espazos das marquesiñas e aumentouse a súa visibilidade. Neste aspecto, o concelleiro indicou que a seguridade da cidadanía é unha prioridade do Goberno de Inés Rey, que non quere que ninguén quede atrás nin que nos barrios haxa barreiras arquitectónicas que impidan a mobilidade das veciñas e dos veciños.