Ofimático

O goberno local avanza na conversión do Ofimático nun barrio de pleno dereito

O documento, que xa ten o visto e prace das compañías subministradoras, pasará agora polo trámite de exposición pública, para que as persoas que o desexen poidan facer as súas alegacións. En paralelo, o executivo solicitará os informes sectoriais pertinentes

O goberno local avanza na conversión do Ofimático nun barrio de pleno dereito
Parque Ofimático na Coruña
Parque Ofimático na Coruña

A Coruña, 02 de maio de 2019.- O goberno local da Coruña continúa a avanzar no obxectivo de dotar o Ofimático de todos os equipamentos e recursos precisos para transformar o polígono nun barrio máis da cidade, “con todos os dereitos que iso implica”. Este venres, a Xunta de goberno local aprobará de forma inicial o proxecto de finalización das obras de urbanización que restan por acometer na parte residencial da marxe esquerda de Lavedra. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, explica que o proxecto xa foi elaborado polo departamento municipal hai meses, do mesmo xeito que foi remitido ás empresas subministradoras, que informaron de xeito favorable. “Agora, ademais de aprobalo de forma inicial, iniciaremos o trámite de exposición pública polo que durante un mes as persoas propietarias ou entidades afectadas poidan facer as achegas que consideren”, indicou o edil, que engadiu que, en paralelo, se iniciarán os procedementos necesarios para que o proxecto conte cos informes sectoriais pertinentes doutras administracións, como é o caso de ADIF ou a dirección xeral de Estradas. “Desta forma, unha vez rematados con todos estes trámites e resoltas as alegacións que poidan xurdir, estaremos en condicións de iniciar a fase de contratación destas obras”, resolveu.

“Neste momento, e grazas ao remate das obras de urbanización das obras da separata, o Concello comezou xa a entregar licenzas de primeira ocupación. Non obstante, no que se considera a zona residencial do Ofimático na marxe esquerda de Lavedra resta aínda parte da urbanización por rematar, do mesmo xeito que se teñen que acometer outras actuacións relacionadas coas dotacións neste ámbito, como é o caso das zonas verdes ou os espazos libres.

Este proxecto servirá para que todas as parcelas da zona residencial da marxe esquerda do polígono 1 do Ofimático poidan acadar a condición de soar”, explicou o responsable municipal, quen recordou que as actuacións comprendidas neste proxecto exclúen a zona que comprende o polígono 2, do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), así como os terreos da marxe dereita de Alfonso Molina, no núcleo de San Vicente de Elviña.

O proxecto comprende distintas intervencións, como a execución das estruturas de contacto entre Matogrande e o Ofimático, é dicir, as infraestruturas de contención contra a vía férrea que separa estes dous ámbitos, así como os viarios de conexión entre ambos os dous barrios. Do mesmo xeito, tamén abrangue o remate dos viarios que restan por acometer dentro do interior do polígono, o que posibilitará que todas as parcelas da marxe esquerda consigan xa a condición de soar, explica o responsable municipal, quen resalta que entre as obras previstas salienta tamén a urbanización da que será a praza principal do barrio. Cun orzamento de case 14 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses, a aprobación inicial deste proxecto “constitúe un importante paso de cara a poder culminar a necesaria integración do Ofimático na cidade”.

O goberno local avanza na conversión do Ofimático nun barrio de pleno dereito