Cárecere provincial
O goberno local colabora coa xustiza
A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, recorda que o procedemento, que se realizou mediante convocatoria pública limitada a entidades sen ánimo de lucro, “ten como único obxecto recuperar unha infraestrutura clave para a cidadanía”
A Coruña, 1 de outubro de 2018.- O goberno local traslada a súa disposición de prestar a máxima colaboración na investigación que derive da denuncia da Fiscalía Provincial, coñecida nesta mesma xornada unicamente a través dos medios de comunicación, en relación á adxudicación da cesión de usos de varios espazos do antigo cárcere provincial á entidade sen ánimo de lucro ‘Proxecto Cárcere’, que se realizou mediante unha convocatoria pública en réxime de concorrencia competitiva. A concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, lembra que o procedemento tiña como único obxecto “recuperar para a cidade da Coruña e a súa cidadanía unha infraestrutura clave, como é o antigo penal da Torre” e recorda que a cesión de usos non ten beneficio económico para a entidade que resultou adxudicataria no procedemento.
A responsable municipal pon de relevo a disposición do goberno local de poder aclarar canto antes en sede xudicial calquera particular relativo a este procedemento, toda vez que ata esta data o Concello non recibiu requirimento para poder achegar ningún dato sobre o concurso por parte do Ministerio Público, que iniciou as súas dilixencias por unha denuncia do PP. Neste sentido, a concelleira ponse a disposición do xulgado con total tranquilidade, coa vocación de poder achegar aquela información que resulte de relevo para esclarecer canto antes toda dúbida sobre este procedemento.
A Fiscalía avisou a través da prensa de que atopa “indicios de prevaricación” na adxudicación da cesión do uso do antigo cárcere da Torre ao colectivo sen ánimo de lucro PROXECTO CÁRCERE. A Fiscalía actúa a partir dunha denuncia do Partido Popular sen dirixirse antes ao Concello para recabar probas ou testemuños. O Concello aínda non recibiu ningún escrito da Fiscalía, pero xa pode descargarse da web de La Voz de Galicia. Limítase a enumerar os argumentos do Partido Popular e a dar traslado ao xulgado para que investigue. https://buff.ly/2zKSORz
O goberno municipal púxose hoxe mesmo a disposición da Xustiza para entregar toda a documentación que precise sobre este concurso. A mesma que a Fiscalía non pediu de oficio.
O concurso do cárcere serviu para que un edificio asociado coa represión se convertese nun espazo cidadán, que mantén actividade desde a súa reapertura no pasado mes de agosto.